O programa abrirase este venres 19 de outubro con “Falar sen cancelas”, un espectáculo de Fran Rei, Isabel Risco e Pedro Brandariz
O Concello de Brión, en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña e o programa Ler Conta Moito, vén de presentar o “Outono cultural”, un programa que inclúe oito actividades culturais gratuítas e dirixidas a toda a cidadanía brionesa. O teatro volve ser o gran protagonista, con 5 de 8 actividades da programación ás 20:30 horas no centro social polivalente, que acollerá todas as actividades coas excepcións do magosto na carballeira de Santa Minia e do contacontos para celebrar o Día das Bibliotecas.
Para este mes de outubro, o “Outono cultural” ten previstas catro actividades, comezando este venres 19 de outubro, ás 20:30 horas co espectáculo “Falar sen cancelas”, unha comedia cos actores Fran Rei, Isabel Risco e Pedro Brandariz. Dirixida a maiores de 13 anos, durante 75 minutos estes tres cómicos intercalarán sketches, gagas, xogos e improvisación e diálogos co público brionés.
A biblioteca municipal acollerá o martes 23 de outubro, ás 18:00 horas, unha nova visita de Celtia Figueiras, que nesta ocasión estará acompañada por Luís Vallecillo. “O aniversario da biblioteca” é unha actividade de animación á lectura con música, teatro e danza dirixido a nenos e nenas de tres anos en adiante.
O venres 26 de outubro terá lugar unha nova sesión de teatro: “DEP: unha comedia de morte”, de Teatro Malasombra. Trátase dunha comedia escrita por Jordi Sánchez e Pep Antón Gómez, que será interpretada por Xoque Carbajal, Patricia Rodríguez e Josue García. A trama fala da pelexa de dous irmáns por unha herdanza: a da súa nai que aínda está viva e que ten que elixir entre o fillo que coida dela e o outro que é un embaucador.
O mes de outubro pecharase cun concerto didáctico do grupo de metais Santa Cecía, o sábado 27 de outubro, ás 18:30 horas, no centro social polivalente. A entrada será libre e de balde ata completar aforo.
Magosto
A actividade máis salientable do “Outono Cultural” no mes de novembro terá lugar o venres 30, ás 19:00 horas, co tradicional Magosto na Carballeira de Santa Minia. Un evento dirixido a un público familiar no que o Concello de Brión repartirá entre os asistentes castañas, chocolate e churros de balde entre todos os asistentes.
Previamente, Teatro Malasombra completará o seu doblete o venres 9 de novembro, ás 20:30 horas coa súa obra “Os Rockenstein”, un musical composto por nove cancións de rock interpretadas por Jouse García, Celia González, Sandra Iglesias e Xoque Carbajal. E para o sábado 17 de novembro, o grupo TEN Teatro Escola de Narón porá en escena “Será por camiños”, unha divertida historia en torno ao camiño de San Andrés de Teixido.
Finalmente, o sábado 24 de novembro, o Concello de Brión conmemorará o Día contra a violencia de xénero coa obra teatral “Nacidas libres”, dirixida por Cristina Domínguez e sobre un texto de Cándido Pazó. As actrices Rocío González, Susana Dans, Casilda Alfaro e Mónica Camaño interpretan ata unha ducia de personaxes que reflexionan sobre distintos temas vistos dende a perspectiva de xénero: a desigualdade, a emigración, a ilusión da liberdade, os condicionantes da muller nas distintas culturas…