Os cativos e cativas tiveron a oportunidade de recoller as uvas e de pisalas
A Escola Infantil Municipal Raíña Lupa de Boqueixón vén de celebrar unha xornada centrada na vendima. Segundo explica a directora do centro, Rocío Vázquez, “con esta actividade pretendemos que os alumnos e alumnas coñezan o seu entorno máis inmediato e os seus costumes”.
O profesorado da EIM Raíña Lupa habilitou unha parra para que os 53 cativos e cativas do centro aprendesen como se recollen as uvas. “Os racimos foron aportados polos pais e nais do alumnado”, concreta Rocío Vázquez. Unha vez recollidos deberían depositalos nun recipiente onde se dedicarían a esmagar as uvas cos pés, como se facía tradicionalmente.
Unha experiencia coa que o alumnado da Escola Infantil Municipal gozou dunha mañá chea de diversión. Dende o centro reiteran o agradecemento ás familias dos cativos e cativas no desenvolvemento das distintas actividades que combinan lecer e aprendizaxe.
A EIM Raíña Lupa de Boqueixón conta cun total de 53 alumnos e alumnas de 0 a 3 anos, esgotando todas as prazas de matrícula para este curso. O equipo educativo está conformado por unha directora, catro educadoras e unha auxiliar.