Friday 22 de November de 2024

A asemblea local de Ordes da AECC celebra a VIII comida baile solidaria con máis de 350 comensais


 

Este ano o convidado de honra foi Juan Fernández-Armesto, ex-presidentre da CNMV e propietario da Casa Grande de Xanceda

Máis de 350 persoas asistiron hoxe á VIII comida baile solidaria organizada pola asemblea ordense da AECC. Como é habitual este encontro tivo lugar no restaurante Barreiro, na parroquia de Leira, ata onde se achegaron integrantes de todos os estamentos sociais do municipio.
Trátase dun dos actos sociais de maior relevancia e participación de toda a comarca, cuxo principal obxectivo é a concienciación e a recadación de fondos para a loita contra o cancro. Nesta ocasión o convidado de honra foi Juan Fernández-Armesto, propietario de Casa Grande de Xanceda, avogado e ex-presidente da Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV). Tampouco faltou o alcalde José Luis Martínez Sanjurjo e os concelleiros Susana García e Pablo Vázquez Candal. Outros asistentes foron a ex-presidenta da Xunta Provincial da Coruña, Elena Viturro; a presidenta da asamblea local da AECC, Emilia Vázquez Pardo; a oncóloga do Centro Hospitalario Universitario de Santiago Teresa Curiel ademais do psicólogo da AECC Marcos Calvo.
Cómpre sinalar tamén a presenza doutros membros da corporación de Ordes como Pablo Vidal, Gonzalo Veiras (BNG) ou Manuel Iglesias (UxO). Outros representantes dos gobernos da comarca foron Roberto Rey, presidente da Mancomunidade e alcalde de Frades e Mariano Iglesias e José Pardo, alcalde e concelleiro de Mesía respectivamente.
Discursos
Tras o xantar chegou o momento dos discursos. Nesta ocasión foi a concelleira de Benestar Social quen tomou a palabra para agradecer “a solidariedade da xente de Ordes ante as boas causas”. Tamén agradeceu a presenza e apoio de Juan Fernández-Armesto ao que calificou como “un veciño máis desta comarca”. Ditos agradecementos fixéronse extensibles a Elena Viturro “polo seu traballo infatigable á fronte da xunta provincial durante tantos anos” e desexoulle sorte ao recentemente nomeado novo presidente, Manuel Aguilar. Por último tamén se referiu aos hábitos saudables e á prevención, facendo especial fincapé no tema dos fitosanitarios e o seu correcto uso. Neste sentido a tamén deputada provincial reafirmou o compromiso do equipo de Goberno “en non permitir que intereses particulares se sitúen por riba do dereito das persoas a vivir non entorno saudable”, en clara alusión ao proxecto do vertedoiro de Lesta.
A presidenta da asemblea local compartiu con todas e todos os comensais como se estableceu a amizada entre ela e a nai de Juan Fernández-Armesto tras ler un artigo da que aínda a día de hoxe está considerada como unha prestixiosa xornalista.
Pola súa banda Juan Fernández-Armesto agradeceu a invitación e mostrouse agradecido e orgulloso por poder compartir este día rodeado de tantas e tantos veciños. Tivo palabras de lembranza para o empresario José Biosca, fundador da AECC. Destacou a honradez e bo facer da asociación e sinalou os seus catro aspectos máis positivos: “Estar en mans de voluntarios, formar parte da sociedade civil sen estar politizada e tratarse dunha institución nacional e honesta”. Como bo economista os números tamén formaron parte do seu relatorio e puxo o acento “nos 65 millóns de euros acadados o ano pasado, dos cales 60 millóns se destinaron a investigación e prevención”. Por último avanzou a próxima colaboración coa asemblea local da AECC de Ordes, a cal consistirá nunha campaña de donativos a través do seu Facebook e na que, unha vez máis, as vacas da Casa Grande de Xanceda terán un papel relevante. Esta levarase a cabo o vindeiro 16 e outubro co gallo do Día do Cancro de Mama.
Ao remate do acto procedeuse co sorteo de agasallos doados polos comerciantes de Ordes, entre os que non faltaron estancias de fin de semana en balnearios, cosméticos, viños e un bo número de productos ecolóxicos da Casa Grande de Xanceda. Unha contribución á que lle hai que engadir o servizo gratuíto de transporte por parte da empresa Rogelio para o traslado das persoas asistentes. A música de Carlos Manteiga puxo o punto e punto final a este acto.