Friday 22 de November de 2024

A Xunta adxudica as obras de mellora do firme na autovía Ferrol- Vilalba, no treito da provincia de Lugo, e na estrada que a conecta con viveiro por máis de 623.000 euros


Estas actuacións, adxudicadas á empresa OVISA Pavimentos y Obras, S.L.U. cun prazo de execución de seis meses, comezarán na segunda quincena deste mes, sempre que as condicións meteorolóxicas sexan favorables
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de mellora do firme na autovía Ferrol- Vilalba (AG-64), no treito da provincia de Lugo, e na estrada que a conecta con Viveiro, a LU-540, por un investimento de máis de 623.000 euros.

Estas actuacións, que foron adxudicadas á empresa OVISA Pavimentos y Obras, S.L.U. cun prazo de execución de seis meses, comezarán na segunda quincena deste mes, sempre que as condicións meteorolóxicas sexan favorables.

O obxecto da actuación consiste na execución do reforzo de firme nalgúns treitos das estradas AG-64, nos concellos das Pontes, Xermade e Vilalba, e na Viveiro- Cabreiros (LU-540), nos municipios de Viveiro, Ourol e Muras, co fin de mellorar a seguridade viaria.

No caso da autovía, os traballos proxectados complementan aos que xa se adxudicaron para o treito situado na provincia da Coruña. Así, as obras de rehabilitación da capa de rodadura levaranse a cabo entre As Pontes e Vilalba, dende o punto quilométrico 39+790 ao 55+950.

No que se refire á vía autonómica LU-540, as melloras do firme executaranse entre os puntos quilométricos 0 e 39+520.

O Goberno galego segue a traballar no obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.