Os representantes plenarios da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes decidiron na última sesión, que tivo lugar esta mesma semana, presentarse novamente aos Premios Coopera Galicia Entidades Locais 2018. O dito galardón é concedido pola Xunta de Galicia co fin de impulsar e difundir as iniciativas de asociacionismo municipal.
Nesta ocasión o proxecto seleccionado consiste nunha plataforma ecosocial para o consumo colaborativo e de alfabetización dixital. Baixo a denominación de Ecomotic a súa finalidade pasa pola creación dun proxecto de educación medioambiental centrado no consumo colaborativo. Inclúe a coordinación e implantación da dita plataforma web para fomentar e facilitar o préstamo e cesión de recursos entre a veciñanza con familias vulnerables da comarca.
Os principais obxectivos deste proxecto son promover unha mancomunidade máis sostible, participativa e solidaria; reducindo os residuos que xeramos, implicando á poboación no proxecto e á par colaborando coa área de Servizos Sociais para cubrir necesidades de familias en situación de vulnerabilidade.
Para conseguir estes obxectivos proponse unha ferramenta que facilite os intercambios, préstamos e cesións de recursos entre a veciñanza. Tamén a realización de charlas de información, formación e titorización para aprender a manexar a plataforma web, prestando especial interese ás persoas maiores (alfabetización dixital previa). A outra metodoloxía vai dirixida especialmente ao persoal da área de Servizos Sociais como asesores na creación de perfís de usuarios e usuarias na plataforma como requisito indispensable para lanzar peticións que poidan ser respondidas por veciños e veciñas solidarias.
De concederlle este premio non sería a primeira vez que a Mancomunidade de Ordes vive esta experiencia. A primeira foi grazas ao Servizo de Atención Temperá, na convocatoria de 2014. Na de 2016 obtívoo grazas ao servizo ConectaCIM, unha plataforma informática mediante a cal as usuarias do Centro de Información á Muller poden facer uso do servizo sen necesidade de ter que desprazarse, podendo solicitar citas, establecer conversas, ocultar a propia plataforma no dispositivo, ademais de usala en zonas sen cobertura ou sen datos.