A Casa da Cultura de Lousame quedou pequena para acoller ao máis dun cento de veciños e veciñas que asistiron á presentación dos resultados dos distintos obradoiros do proxecto “Engánchate ao bo trato”, levado a cabo durante o mes de novembro polos alumnos e alumnas de 2º, 4º e 6º de Primaria e 2º e 4º de ESO do CPI Cernadas de Castro. Un acto que estivo presidido pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e pola concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, quen salientaron a importancia de promover a educación en igualdade e tratar de atallar a violencia de xénero dende o ámbito educativo.
Os pequenos e pequenas aproveitaron o acto para explicarlle ás súas familias os traballos realizados nos distintos obradoiros realizados baixo o paraugas do programa “Engánchate ao bo trato”, unha iniciativa organizada polo Concello de Lousame, en colaboración co CPI Cernadas de Castro, e que conta co financiamento da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo. Os traballos quedaron expostos nun gran mural na entrada da Casa da Cultura de Lousame.