O Concello de Brión vai investir 39.748,44 euros nun proxecto para mellorar tres camiños municipais no rural da Graña (Cornanda), Bastavales e Busto de Frades (Cornanda). Un proxecto que vén de ser adxudicado á empresa Excavaciones José Varela Iglesias SL, que terá un prazo máximo de dous meses para executar os traballos de mellora de tres camiños de terra de titularidade municipal co obxectivo de facilitar os accesos a estas localidades, incrementando así a calidade de vida dos veciños e veciñas destas zonas rurais do municipio.
As actuacións terán lugar sobre un camiño en solo rústico próximo á aldea de Busto de Frades, que está moi desgastado polo seu intenso uso. Trátase dunha pista de terra de 815 metros que serve de acceso ás fincas da veciñanza. Tamén se mellorará un camiño de 1.870 metros que discorre por detrás da Igrexa de Bastavales e comunica con fincas situadas en solo rústico ata o límite co concello de Rois. Por último, mellorarase un camiño de 725 metros entre a aldea da Graña e as fincas situadas en solo rústico, unha actuación dividida en dous ramais.
Nos tres casos, os traballos a acometer serán o perfilado previo dos camiños, coa reapertura de cunetas en ambas marxes e aporte de zahorra. Posteriormente pasarase unha rega e compactación mecánica sobre todo o camiño para que quede perfectamente acondicionado. Unhas obras que serán financiadas con cargo a unha subvención do AGADER, dentro do Plan de mellora de camiños municipais 2018-2019.