Os alumnos e alumnas xa poden facer uso desta nova infraestrutura, máis cómoda e cun maior nivel de seguridade. Aberto tamén o novo acceso ao pavillón da localidade. En conxunto o investimento por parte do Concello sitúase nos 50.000 €
Os alumnos e alumnas do CEIP O Mesón do Vento xa contan cunha nova zona para o seu servizo de transporte escolar. Grazas ao investimento de aproximadamente 50.000 € levado a cabo polo Concello de Ordes, alumnado, profesorado e choferes gozan dende hoxe dunha zona de acceso directo que comunica o colexio coa zona de estacionamento onde se sitúan os autobuses.
Ademais da comodidade que isto supón, sobre todo tendo en conta que se trata dun corredor cuberto para os días de chuvia, cómpre salientar tamén o incremento na seguridade dos e das menores en comparación con como se viña efectuando ata este curso.
A dita área sitúase no recentemente reformado acceso que conduce ao pavillón do Mesón. Un proxecto dividido en dous treitos de 160m x 14m e 100m x 6m, así como un abanico de 15m x 5m. A intervención completouse coa súa pavimentación con grava, tratamento asfáltico semiprofundo e aglomerado en quente ao longo de toda a superficie. Previamente procedeuse coa súa nivelación e rasanteo da explanación. Tamén se levou a cabo a limpeza de gabias e salvagabias para unha correcta drenaxe.
A petición da comunidade educativa neste primeiro día de estrea da nova infraestrutura estiveron presentes a alcaldesa en funcións e a concelleira de Educación, Ana Soneira e Susana García, así como o alcalde José Luis Martínez Sanjurjo. Entre outros aspectos tamén se abordou a próxima remodelación integral do pavillón polideportivo, a cal está prevista para o vindeiro ano 2019.
“Queremos coñecer de primeira man as necesidades e ideas que dende a dirección do centro e, especialmente, dende o Departamento de Deportes do colexio nos poidan indicar. Eles mellor que ninguén saben que se necesita realmente xa que son os que máis utilizan esta instalación”, explica a edil de Educación. “Estamos ante unha reforma que será das máis importantes que executaremos de cara ao vindeiro ano, coa instalación dunha pista nova, iluminación led, unha nova cuberta, reforma dos baños e dos vestiarios etc” conclúe a tamén deputada provincial.