Monday 25 de November de 2024

Un total de 32 veciños e veciñas de Frades asisten a unha charla sobre cancro do psicólogo da Xunta Local de Ordes da AECC


 

Un total de 32 veciños e veciñas asistiron no multiúsos de Frades á charla “Coñecendo o cancro: que debemos saber?”, promovida pola Xunta Local de Ordes da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) e que contou coa colaboración do Concello de Frades. Unha charla impartida polo psicólogo da AECC Marcos Calvo e na que participou o alcalde, Roberto Rey Martínez, quen aproveitou para presentar aos asistentes á programación de actividades de formación do Concello de Frades para este outono/inverno.

Así, a oferta do Concello de Frades recolle novas edicións dos cursos con maior número de participantes en anos anteriores como as terceiras edicións de “Horta ecolóxica”, “Poda e enxertos” e “Plantas aromáticas e medicinais”, ou as segundas edicións de “Poda en verde” ou “Curso de costura”. A maiores, este ano convócanse os cursos de xardinería, de apicultura e de manipulador de alimentos. O prezo de cada curso é de 20 euros, coa excepción dos de “Horta ecolóxica” e “Curso de poda e enxertos” (40 euros/curso) e o de costura (25 euros/mes).

Outros cursos que se manteñen na programación formativa para adultos do Concello de Frades son os “Obradoiros de memoria” (30 euros, no multiúsos ou locais sociais das parroquias con maior demanda), informática (20 euros/mes, 50 horas), carretilleiro (100 euros) e curso de iniciación á pintura para persoas adultas (40 euros/curso). Máis información e inscricións no Concello de Frades: 981 695 567 ou 981 596 663.