Thursday 21 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño avalía a demanda real antes de integrarse no programa Xantar na Casa


As persoas interesadas no programa deben chamar ao 981 490 027 ext. 1 antes do 22 de outubro

 

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar ten en marcha desde hai anos o programa de atención alimentaria no domicilio Xantar na casa, consistente en facilitarlles ás persoas maiores que non poden valerse por si e ás que se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade un menú de comidas completas -xantar e sobremesa- para os sete días da semana. O Concello ten intención de sumarse a este servizo sempre que exista unha demanda real por parte das persoas que cumpran os requisitos de atención. Neste sentido, quen teña interese no programa deberá chamar ata o 22 de outubro ao 981 490 027 ext.1 para informarse e, de cumprir as condicións de acceso, deixar constancia da petición. Unha vez recollidas todas, a Administración local levará a pleno a súa integración no programa e abrirase o prazo formal de solicitude que, en último caso, será valorada polo propio consorcio.

O prezo total do menú do Xantar na casa -primeiro prato, segundo prato e sobremesa- ascende a 6,27€, dos que o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar cobre o 50%, outro 25% é asumido polos concellos adheridos e o 25% restante é asumido polos usuarios e usuarias do servizo, que só pagan 1,57 € diarios ou, dito doutro xeito, 47,1 euros polo xantar de todo o mes.

Os menús para a semana son todos distintos e adaptados ás necesidades nutricionais e médicas das persoas beneficiarias: alimentos baixos en sal, menús para persoas diabéticas, menús de dieta baixa en graxas, alimentos de mastigación doada ou menús normais, sen ningún tipo de restrición nos ingredientes aínda que con combinacións e proporcións saudables.

Non se trata dun servizo a domicilio de pratos conxelados, senón de preparados completos que se cociñan de forma tradicional e que despois se envasan para preservar as súas propiedades nutritivas e de sabor. Logo lévanse ás casas unha vez por semana repartidos en sete bandexas seladas que se gardan no frigorífico e que se deben ir quentando no microondas cada día antes de xantar.

Para acceder ao Xantar na casa hai que estar nalgunha das seguintes situacións:

Ter máis de 60 anos, coa autonomía persoal limitada e sen unha rede de apoio familiar que poida suplir tal situación, ou que sexa inaxeitada ou insuficiente.
Estar nunha situación de dependencia sen apoio familiar -ou cun apoio insuficiente ou deficitario- que requira a axuda para a preparación de alimentos.
Ter menos de 60 anos e atoparse nunha situación de exclusión social acreditada e avaliada tecnicamente.
Estar empadroadas no concello en que se preste o servizo.
Ademais destas condicións xenéricas, tamén se deben cumprir unha serie de requisitos económicos con respecto aos ingresos mensuais do conxunto da unidade familiar, ademais da situación en canto ao capital mobiliario ou inmobiliario da persoa que solicite o servizo:

Ingresos regulares que non superen o 150% do IPREM -7.519,59€ en 2018- para cada persoa da unidade de convivencia.
Excluiranse as persoas propietarias de bens mobles ou inmobles sobre os que se teña calquera clase de dereito que polas súas características, valoración, posibilidades de explotación ou venda indiquen medios suficientes. Exceptúase a vivenda propia sempre que a súa valoración catastral non supere 10 anualidades do salario mínimo interprofesional que, cos datos deste 2018, serían 103.026 €.
Entenderanse como medios económicos suficientes no que respecta os recuros procedentes do capital mobiliario, e a efectos de valoración para a resolución das solicitudes, os que superen os 15.000€ en contas de aforro e/ou investimentos que posúa a unidade familiar. As persoas que superen ese saldo bancario, aínda que reúnan o resto dos requisitos, non poderán beneficiarse do programa.
Nestes momentos hai 168 municipios galegos adheridos a este programa que chega a arredor de 1.300 persoas. San Sadurniño quere ser un dos próximos, sempre e cando exista unha demanda real entre as persoas usuarias potenciais.

Nestes días estase facendo unha prospección entre quen xa desfrutan do Servizo de Axuda no Fogar para saber se teñen interese en beneficiarse de Xantar na casa. Porén, o Concello tamén atenderá solicitudes de información e preinscricións no programa a través do 981 490 027 extensión 1 ata o día 22 de outubro, sexan ou non persoas usuarias do SAF.

Polo momento só se trata diso, de saber canta xente querería contar con este novo servizo e ver canta cumpriría coas condicións de acceso. Posteriormente levarase a pleno a integración no programa e habilitaranse os mecanismos para a súa solicitude formal a través dos Servizos Sociais municipais. Cómpre ter en conta, iso si, que o Concello deberá elevar os informes favorables ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar quen, en último caso, concederá ou non o servizo dependendo da súa capacidade orzamentaria.