Friday 22 de November de 2024

Unha trintena de mozos estrearon o novo espazo xuvenil no segundo andar do Mercado


A proposta do Concello continúa hoxe cunha sesión didáctica de DJ

 

Unha trintena de mozos e mozas con idades entre 14 e 19 anos estrearon na tarde de onte o ‘Espazo Xuvenil’: a nova proposta ofrecida polo Concello no segundo andar do mercado municipal para ofrecer aos rapazos deste tramo de idade alternativas de ocio saudables.

Equipado con conexión wifi, mesas de traballo, zonas de estar, ordenadores, xogos ou set de DJ, o lugar albergou ademais a primeira das actividades dun calendario de eventos para este mes de outubro concibido conforme aos resultados das enquisas realizadas fai uns meses. Foi unha proxección cinematográfica con charla coloquio a cargo do director e guionista Marcos Nine.

A programación continúa hoxe cunha sesión didáctica de DJ de 20 a 22 horas na que os asistentes poderán aprender a facer mesturas, sincronizacións, loops, cues e todo canto envolve a este mundo. Non obstante, o espazo estará aberto xa dende as 17 horas para quen se desexe achegar. Tamén o estará mañá, onde Lucía Romaní ofrecerá un obradoiro de escultura a partir das 17 horas.

Caixa de suxestións
Espazo Xuvenil conta cunha caixa de suxestións para que os propios mozos asistentes fagan as súas aportacións e poder seguir enchendo de contidos e novas actividades este lugar.