Friday 22 de November de 2024

Teresa Villaverde: “non hai ningún proxecto presentado para construír un crematorio en Lousame”


 

A alcaldesa de Lousame rexeitou a moción do Partido da Terra porque “non estamos para algaradas, aquí facemos as cousas con seriedade. Están falando de algo que non existe” e pediu “tranquilidade porque aquí non hai nada”

Intensa sesión plenaria en Lousame, coa asistencia dunha ducia de veciños de Portobravo e os/as integrantes da candidatura do Partido da Terra, cuxa concelleira Lucía Rodríguez Cao tomou posesión tres sesións despois do inicialmente previsto. Rodríguez Cao empregou a mesma fórmula de xuramento cos seus predecesores, prometendo lealdade á veciñanza e “por imperativo legal prometo acatar a Constitución”. A alcaldesa, Teresa Villaverde, deulle a benvida e desexoulle “que desenvolva o seu traballo con éxito”.

Na súa parte dispositiva, o Pleno aprobou os festivos locais para 2019: o 25 de abril (San Marcos) e o 4 de outubro (San Roquiño), novidade este ano xa que o tradicional San Lourenzo coincidirá en día non hábil o próximo ano. Así mesmo, o Pleno aprobou a Conta Xeral do Exercicio 2017, despois de ser informada favorablemente pola Comisión de Contas e exposta ao público sen que se recibise ningunha alegación. A Conta xerá agora rendida ante o Consello de Contas. Ambos puntos foron aprobados cos 9 votos a favor de PP e PSOE e as dúas abstencións do BNG e do Partido da Terra.

Crematorio

Na quenda de mocións, o Partido da Terra presentou unha proposta de acordo contra a autorización dun forno crematorio en Portobravo. A concelleira Lucía Rodríguez explicou que “sería incomprensible e inaceptable que en Lousame se puidese facilitar a súa instalación no principal núcleo do municipio” e pediu á corporación que “manifestara o seu compromiso co benestar e a saúde das veciñas e veciños de Lousame rexeitando a instalación dun forno crematorio por tratarse dunha actividade contaminante, molesta e insalubre”. Tamén se pedía instar ao Goberno municipal “a que tome as medidas oportunas para que se proceda a denegar a autorización para a instalación”, baseándose na exposición de motivos da propia moción, que citaba dúas sentencias que supostamente xustificarían a non instalación dun forno crematorio.

Teresa Villaverde explicou que “non hai ningún proxecto presentado para construír un crematorio en Lousame”, argumentación que repetiu case nunha ducia de ocasións durante o debate plenario e na posterior conversa coa veciñanza presente (unha vez rematada a sesión). A alcaldesa comezou explicando que a empresa presentou “unha comunicación previa para o pintado da fachada. Despois se nos avisou de que se colocaran as letras (Crematorio) e se lles chamou para unha reunión. Acudiron cun representante legal, se lles pediu que retiraran as letras porque era algo improcedente, xa que alí non había crematorio ningún, e accederon”.

Villaverde insistiu en que “non hai ningún proxecto presentado” e que “se o presentase, terán que axustarse á lexislación vixente”. Neste sentido, a alcaldesa lembrou que “a concesión de licencias é un proceso regrado e hai que seguir un procedemento. A lei non depende de quen goberna. Estamos falando de algo que non existe e pido tranquilidade á veciñanza porque aquí non hai nada”. Unha argumentación que utilizou para xustificar o seu voto en contra da moción do Partido da Terra: “se se presenta un proxecto e non cumpre a lei, a licenza será desfavorable e quedará xa en Urbanismo”.

Un punto no que coincidiu o voceiro do PSOE, Julio Paradela, quen explicou que “votaremos en contra porque non hai proxecto” e preguntou sobre se houbera un cambio de titularidade na xestión do tanatorio e se se puido incumprir as condicións establecidas nas subvencións do LEADER, coas que se construíu o tanatorio en 2013. Villaverde explicou que “sabemos que se pediu un cambio de titularidade” pero lembrou que non é o Concello quen ten que decidir se houbo ou non incumprimento.

Finalmente, a alcaldesa de Lousame fixo un chamamento ao Partido da Terra: “non estamos para algaradas, aquí facemos as cousas con seriedade. Non hai ningún proxecto presentado. Non é a versión da alcaldesa, non hai ningún proxecto” e comprometeuse a informar á veciñanza no caso de que se presentara un proxecto para a instalación dun crematorio nun futuro. Así mesmo, lembrou que para a aprobación dun proxecto semellante serían precisos os informes favorables de Urbanismo e dos servizos xurídicos do Concello de Lousame, así como informes sectoriais das distintas administracións con competencias na materia. A moción foi rexeitada cos 9 votos en contra de PP e PSOE e cos 2 votos a favor de Partido da Terra e BNG, que non interveu no debate.

Xuízo

A outra moción do Partido da Terra non pasou o trámite de urxencia. Nela pedíase copia do expediente xudicial sobre o desfalco producido no Concello por un funcionario e que o letrado informase aos grupos da corporación en Comisión Informativa. Teresa Villaverde explicou que “foi esta alcaldesa, non a corporación, quen presentou a denuncia. Previamente se encargara unha auditoría económica porque dende Secretaría Intervención dicían que aquilo non era posible. Pero son eu quen vai denunciar á Fiscalía, non panfletos repartidos polas casas que eran motivo de presentar unha denuncia”. Neste sentido, Villaverde lembrou que “por tratar de sacar beneficio político non se pode inxuriar”, se ben considera que estas cousas “serven para recordar quen é cada quen”.

A alcaldesa de Lousame informou de que neste caso actuou e actuará “con total transparencia”. Así, explicou que “tardouse moito tempo en convocar o xuízo, cuxa data será o 13 de novembro. Hoxe recollín a citación en calidade de testigo e estarei aló con gusto de que isto se acabe e esa persoa sexa xulgada e acate o que lle corresponde”. Sobre a petición de información, lembroulle á concelleira que “todos estamos informados porque entreguei toda a documentación aos grupos políticos. Total transparencia neste tema”.