O presidente garante o seu compromiso coa integración mediante a achega, en 2015, de preto de 18 millóns para que 2.000 persoas con discapacidade poidan acceder a un emprego
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, garantiu o compromiso do Goberno galego coa discapacidade cunha achega, en 2015, de preto de 18 millóns de euros para que 2.000 traballadores con discapacidade poidan acceder a un emprego.
Durante a inauguración da exposición Mirar con tacto, organizada pola fundación María José Jove, Feijóo precisou que dentro desta partida para programas de emprego para a discapacidade están incluídos os Centros especiais de emprego, cuxo orzamento medra un catro por cento.
Así mesmo, o titular do Executivo autonómico lembrou a aprobación a pasada semana no Parlamento galego da nova Lei de accesibilidade. Este texto reforma o anterior –vixente desde 1997— e supón un paso máis no camiño cara á accesibilidade universal e no esforzo de derrubar cada vez máis barreiras.
O presidente da Xunta louvou os esforzos da Fundación María José Jove para tirar estes muros e procurar a integración. No seu haber teñen proxectos como o propio Mirar con Tacto ou Esfuerza, que busca aumentar a participación das persoas con discapacidade funcional mediante o deporte. Todo isto na procura “dunha sociedade máis inclusiva e integradora, dunha sociedade real”, que reivindicou Feijóo.
Tamén incidiu en que as persoas con discapacidade son un colectivo prioritario para o Goberno autonómico e, nesta liña, recalcou que nos últimos dous anos o orzamento destinado á integración social medrou un 8,6%, ata situarse nos 100 millóns.
Cómpre salientar tamén que entre 2009 e este ano a Xunta creou 848 novas prazas públicas en residencias, centros ocupacionais e de día. Alén diso, hoxe Galicia conta cun total de 5.000 prazas para persoas con discapacidade financiadas polo Goberno autonómico.
Ao longo da súa intervención, o responsable do Goberno galego afirmou que esta exposición supón a caída doutro muro. “Esta mostra da arte que se pode tocar é un paso máis. Outra máis das moitas accións que se teñen levado a cabo nos últimos anos para favorecer a integración das persoas con discapacidade visual”, afirmou.