O Concello de San Sadurniño celebrou esta mañá unha sesión extraordinaria do pleno que incorporaba na orde do día catro únicos puntos e, entre eles, o da modificación da ordenanza fiscal que regula o Imposto de Bens Inmobles, coñecido comunmente como “a contribución”. O grupo de goberno propuxo rebaixar do 0,8 ao 0,6 o tipo impositivo da rústica, ademais de introducir unha bonificación do 95% para as construcións agropecuarias vencelladas a explotacións en activo e unha redución do 50% no IBI dos bens de natureza urbana dunha vintena de lugares situados en zona de Rede Natura 2000. O debate do asunto ocupou a maior parte dos 38 minutos que durou o pleno. A proposta saiu adiante cos únicos votos favorables do grupo municipal do BNG, mentres que o PP e o PSOE optaron pola abstención.
Tal e como comentou o edil de Facenda, Suso Soto, a modificación da ordenanza persegue compensar os efectos da regularización catastral desenvolvida polo Estado en San Sadurniño neste 2018. Un proceso que lle afectará especialmente ás construcións agropecuarias -cortes, cabanas, galpóns, etc.- que non estaban dadas de alta e que, ademais, antes non pagaban e agora si deberán facelo. Así, segundo reflicte o novo texto da ordenanza reguladora, aqueles inmobles dedicados “total e exclusivamente” ás actividades relacionadas co sector primario contarán cunha bonificación dun 95% na cota íntegra do recibo, sempre e cando as persoas titulares cursen a correspondente solicitude para que o Concello poida declarar o seu “especial interese” e aplicar o desconto, que será dun 50% se no ben conviven outros usos ademais do agropecuario.
A outra modificación importante no IBI é a bonificación dun 50% sobre a cota íntegra que deban pagar os bens urbanos situados dentro de Rede Natura 2000. Neste caso a bonificación será aplicada de oficio polo Concello, quen lle comunicará á Deputación -organismo que xestiona a cobranza- as referencias catastrais dos bens con dereito á rebaixa que, ademais, será compatible coa referida aos bens rústicos.
A terceira cuestión que recollerá o texto modificado será a de reducir nun 25% o tipo impositivo de toda a contribución dos bens rústicos, pasándoa do 0,8 ao 0,6, practicamente o mesmo que o tipo da urbana. Ese foi o punto que xerou máis controversia entre o BNG e o PP. Este último grupo anunciou a súa abstención considerando que, malia non estar en contra das reducións na rústica, suporía un maior aforro para a veciñanza baixar tamén o tipo impositivo da urbana. Tamén se abstivo a concelleira do PSOE, aínda que fundamentando a súa postura no informe da Intervención municipal onde se apunta a posibilidade dun incumprimento da normativa estatal referida á estabilidade orzamentaria por mor destas rebaixas.
Modificación dun proxecto de obras e moción polo xabaril
Canda este tema principal, o pleno tamén abordou outros tres que non suscitaron tanto debate. O primeiro deles foi a aprobación das actas da sesión anterior para, de inmediato, tratar a modificación dun proxecto de obras que quedaron pendentes de facer polo incumprimento de contrato da empresa adxudicataria. Segundo se explicou na sesión, a construtora CONCIFA -a quen se lle encargara un dos programas do POS+ 2017- excedeu o prazo de execución estipulado, ademais de incumprir as condicións técnicas ata o punto de que arredor do 90% do contrato non chegou a materializarse. A raíz do procedemento de rescisión agora faise necesario licitar de novo parte dos traballos. BNG, PP e PSOE votaron a favor.
O último asunto tratado foi o de solicitarlle á Xunta medidas que axuden a paliar os efectos do xabaril nos cultivos de granxas e hortas particulares. O texto -aprobado por BNG e PSOE coa abstención do PP- insta ao executivo galego á realización dun censo do porco bravo, á redacción e posta en marcha dun plan de xestión que volva ao seu a súa poboación, á elaboración dun mapa de danos en todo o territorio galego e á apertura dunha liña de axudas. Peticións que para o PP xa estarían en marcha -e de aí a súa abstención- incluíndo unha reserva de 600.000 euros para compensacións. O BNG asegurou que esta dotación orzamentaria é idéntica á do 2016 -último ano en que se habilitaron axudas- e que, ademais, será insuficiente para cubrir os danos.