Friday 22 de November de 2024

Ordes reclama para o seu PXOM máis solo industrial que permita o seu desenvolvemento económico e empresarial


A adxudicación das dúas últimas parcelas no polígono de Merelle deixa sen posibilidades de crecemento a un municipio que conta con vantaxes como a súa situación xeográfica ou a inclusión no plan Doing Business entre outras

O alcalde de Ordes destaca a necesidade “de que a Ordes se lle dote da máis solo industrial”. Así o vén a declarar tras a recente adxudicación das dúas últimas parcelas do polígono industrial de Merelle. Concretamente trátase dunha área cunha extensión de 5.508 metros cadrados e cuxo prezo se situou nos case 113.000 €. Un importe bonificado na súa totalidade por Xestur Galicia e o Instituto da Vivenda, ambos dependentes da Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

José Luis Martínez Sanjurjo salienta que “tras esta operación non posuímos solo industrial ao longo de todo o termo municipal, sobre todo tendo en conta que a día de hoxe o expediente relativo ao futuro polígono de Pardiñas está paralizado”. O rexedor concreta que “esta situación supón un enorme inconveniente para o desenvolvemento económico do concello” e confía en que “dadas as circunstancias o PXOM que se está a tramitar contemple a ampliación de terreos con esta cualificación”.

Ao igual que o alcalde o concelleiro de Industria e Comercio, José Manuel Rodríguez, manifesta a súa satisfacción pola dita operación e ambos agardan “que as obras para a construción dunha nova infraestrutura por parte dos xa propietarios se inicien o antes posible”. Confían tamén en que este feito supoña un incremento nas oportunidades laborais de moitos veciños e veciñas da zona”.

Vantaxes
Tamén destacan de xeito especial o papel da Xunta de Galicia “pola bonificación do 100% nesta operación”, aspecto que agardan “contribúa á rápida instalación dunha nova empresa nun polígono que medra e que ofrece moitas vantaxes como a excelente situación con respecto aos núcleos de Santiago e da Coruña. Asemade, esta capacidade loxística increméntase se se teñen en conta as numerosas vías de comunicación e transporte situadas a escasa media hora. É o caso tanto da autoestrada AP 9 e a autovía que transcorre pola Vía da Prata, como os portos marítimos da Coruña e os aeroportos de Alvedro e Lavacolla. A isto sumáselle a facilidade de tránsito de vehículos que supón a Rolda Leste no termo municipal de Ordes, así como a recente apertura da estrada Ordes-Cerceda (estrada de Mercurín) tras un investimento de 2,3 millóns de euros ou unha rápida conexión a Internet.

Cómpre lembrar tamén que dende xaneiro deste ano Ordes está englobado no mapa dos ‘Concellos Doing Business Galicia’. Grazas a este marco de colaboración entre a Xunta de Galicia e as administracións locais as iniciativas empresarias que se instalen en Ordes gozarán dunha serie de vantaxes no seu fomento e desenvolvemento, así como de cara á súa implantación e fixación na Comunidade. A dita medida permite valerse tamén doutros apoios de cara á concesión de obradoiros de emprego, cursos, melloras en espazos destinados á formación ou beneficios fiscais para persoas empresarias e autónomas. Un aspecto que dende o Concello se considera “un atractivo engadido para a consolidación da actividade empresarial no municipio, sempre e cando este conte co requisito indispensable de máis espazos onde poder levarse a cabo”.