O mes de outubro chega cargado de música, teatro e contos para os nenos e nenas, dentro da programación do Apego. As actividades arrancan o próximo sábado día seis, coa participación de nomes sobradamente coñecidos polas crianzas, como Pablo Díaz, Babaluva ou Papi e Mami.
A programación de outubro do Apego arrancará o próximo sábado, día 6, no centro cívico de Santa Marta. Será coa montaxe de Pablo Díaz “Tic, Tac, Toc. Canta Comigo”, pensada para fomentar o cariño polos libros entre os nenos e nenas de 4 a 11 anos. A cita será ás 18.00 horas, e a entrada é libre ata completar aforo. Tamén relacionado coa lectura, o xoves 18 o centro cívico de Vite acollerá un obradoiro de deseño de bolsas para libros, no que poden participar nenos e nenas de máis de seis anos.
No mes que ven de comezar o programa Apego tamén trae varias citas cos contos. O venres 19, no centro cívico de Conxo, Sole Felloza mostrará a súa “Xeografía do imaxinario”, o sábado 27 será o turno de Febralart e a “Música dos contos”, no centro cívico de San Lourenzo; o domingo 28 o centro cívico do Castiñeiriño acollerá os contacontos musicalizados de Trécola Teatro; e o martes 30 Celtia Figueiras contará os seus contos outonais no centro cívico do Ensanche.
Ademáis, na programación do Apego para este mes destacan o espectáculo de Babaluva “Minia convídate a xogar”, que terá lugar no centro cívico do Ensanche o mércores 24, e a actuación de María Faltri e Jorge Juncal, Papi e Mami, o xoves 25 no centro cívico de Vite.