Thursday 21 de November de 2024

Moeche contrata a instalación de cinco novas marquesinas para a ruta do transporte escolar


O estado das marquesinas das paradas do bus e a posibilidade de ampliar o seu número foi un dos temas que xurdiu no último pleno infantil celebrado no Concello a primeiros de xuño, xusto antes do remate da escola. Daquela houbo varias peticións para que se instalase este mobiliario urbano en lugares onde non o había ou onde o paso do tempo acabou coas casetas. Tamén daquela, a alcaldesa explicoulle á rapazada que, ao tratarse dun equipamento caro -arredor de 1.800 euros cada marquesina-, a Administración local debía ir aos poucos coa reposición ou o aumento do seu número. E nesas se está a día de hoxe, cando acaba de adxudicarse en máis de 10.000 euros a instalación de cinco novas cubertas para outras tantas paradas.

O acordo adoptouse en Xunta de Goberno Local en setembro, polo que se agarda que a colocación das marquesinas se inicie en cuestión de días. De acordo coa planificación municipal, o novo equipamento destinarase ás rutas que pasan por Trieiro, Leboreiro, Gundiao, San Xiao e A Igrexa (en Labacengos).

As novas casetas veñen sumarse a un parque que se está renovando paulatinamente. O ano pasado xa se mercaran outras cinco e, recentemente, reparáronse catro máis que aínda se conservaban en bo estado, polo que era máis asumible e viable amañalas que substituílas por completo.

Porén, tal e como sinala Beatriz Bascoy, “somos conscientes de que con esta remesa non cubrimos todas as necesidades acumuladas desde hai anos” e que, por esa mesma razón, o Goberno local ten previsto reservar nos orzamentos que se están preparando para 2019 “unha partida que nos permita completar o 100%”.

O importe total da compra e instalación das cinco novas casetas da escola ascende a 10.769 euros, sufragados integramente con fondos municipais.