A sala municipal de exposicións de Brión acollerá mañá venres 5 de outubro, ás 18:00 horas, o contacontos “Como axudo a Antón?”, unha iniciativa dos Biosbardos dirixida a un público infantil de entre 6 e 12 anos de idade. Un contacontos que aborda a problemática do acoso escolar e explica como detectalo e evitalo. A entrada será libre ata completar aforo.
“Como axudo a Antón?” está baseado no álbum ilustrado do mesmo título realizado por Jorge López Penas, o seu fillo de 13 anos Martín, a educadora social Isabel Ponte e a ilustradora Eva Riero. A iniciativa está incluída dentro das actividades organizadas polo Concello de Brión para conmemorar o “Mes da biblioteca” e que incluirá outra actividade de animación o vindeiro 23 de outubro da man de Celtia Figueiras e Luís Valdecillo.