Friday 22 de November de 2024

Ovidio Rodeiro destaca en Santa Comba que os dous obradoiros de emprego de conservación de montes e de electricidade formarán a 36 alumnos cun apoio da Xunta de 459.000 euros


 

Santa Comba tamén participa noutro curso de formación concedido a Negreira con 20 alumnos de promoción turística e cun investimento de 288.000 euros
O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, asistiu en Santa Comba ao inicio dun dos 3 obradoiros nos que este Concello participa nesta convocatoria de 2018. Concretamente, este municipio organiza e é promotor de dous obradoiros o “Xallas-Barcala-Dubra V” (con Negreira, A Baña e Val do Dubra), de Garantía Xuvenil centrado na conservación e mellora de montes e o “Conecta 2018” (Mazaricos e Dumbría) de carácter dual orientado ao montaxe e mantemento de instalacións eléctricas de baixa tensión.

Este concello tamén participa no obradoiro dual de Negreira “Xallas-Barcala-Dubra IV” (Santa Comba, A Baña e Val do Dubra) centrado na promoción turística local e información ao visitante. En total, nestes tres obradoiros a Xunta investirá máis de 747.000 euros ofertando en total 56 prazas

Ovidio Rodeiro destacou “a importancia destes cursos e a boa acollida que teñen entre os alumnos porque o nivel de reinserción laboral é moi alto e en moitos casos os participantes atopan traballo durante a celebracións dos mesmos porque se centran en ámbitos con amplía demanda laboral”. Ademais, engadiu, “as empresas locais xa coñecen o éxito e a boa calidade da formación que se imparte polo que ven estes cursos moi atractivos para atopar xente ben formada nas áreas que lles interesan”.

O representante do goberno autonómico informou que os municipios da área de Santiago contarán en 2018 cun total de 11 obradoiros de emprego, 8 deles de carácter dual, onde participarán alumnos e alumnas de calquera idade e 3 de Garantía Xuvenil, para mozos e mozas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá nesta área en políticas activas de emprego 2.624.610 euros.

Os 8 obradoiros duais, cada un con 20 prazas salvo o de Teo, que ten 8, terán lugar en Padrón, compartido con Rois e Dodro; en Negreira, compartido con Santa Comba, A Baña e Val do Dubra; no Pino, compartido con Arzúa; en Ordes, compartido con Frades e Mesía; en Melide, compartido con Boimorto; en Teo en Santiago de Compostela, compartido con Ames e en Santa Comba, compartido con Dumbría e Mazaricos.

Pola súa banda, os obradoiros do Sistema de Garantía Xuvenil, realizaranse en Santa Comba, compartido con Negreira, A Baña e Val do Dubra de 16 prazas; Rois, compartido con Padrón en Dodro de 10 prazas; e Santiago, compartido con Teo de 16 prazas.

Estes obradoiros permitirán que un total de 190 persoas desempregadas se formen nun oficio mentres realizan tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas. Os participantes recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado. A duración dos obradoiros xerais serán de 9 meses e os de Garantía Xuvenil de 6 meses.

A principal novidade é que os participantes nos obradoiros duais poderán combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, e terán despois a posibilidade de contar cun contrato en prácticas, de como mínimo tres meses máis, nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro. O obxectivo é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente os do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación.

A nivel provincial, os 38 obradoiros de emprego que se organizan na Coruña permitirán a formación de 682 alumnos-traballadores, grazas a un investimento de máis de 9,3 millóns de euros

Os obradoiros centraranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios recibirán formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos.