Sunday 24 de November de 2024

O Concello de Frades homenaxea a Ramiro López Cotón no seu 101 cumpreanos


 

O alcalde, Roberto Rey, entregoulle unha placa conmemorativa durante a festa familiar na carballeira de San Nicolau

O veciño máis lonxevo de Frades, Ramiro López Cotón, vén de cumprir 101 anos o pasado sábado 29 de setembro, unha data que celebrou con moitos dos seus familiares na Festa do San Miguel, que tivo lugar na carballeira de San Nicolau. O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, e o concelleiro de Medio Ambiente, Juan Carlos Portos Bra, achegáronse ata a carpa disposta pola familia para entregarlle a Ramiro López unha placa conmemorativa do Concello de Frades polo seu 101 cumpreanos.

Unha placa que Ramiro pode engadir ás que xa ten da súa participación na Festa dos Maiores, onde non faltou nin unha soa vez nos últimos dez anos. De feito, Ramiro mesmo aproveitou para pedir que lle reservaran a deste ano, pois non pensa faltar á cita.

Ramiro López Cotón naceu o 29 de setembro de 1917 en Aiazo. Casado con Consuelo, ten catro fillos, unha decena de netos/as e algún que outro bisneto. Goza de boa saúde e está totalmente lúcido, se ben pola idade é preciso falarlle nun ton máis alto do habitual. De feito, participou na misa e na procesión do San Miguel na súa cadeira de rodas e compartiu o xantar cos seus familiares na carballeira.

Ramiro López Cotón dedicouse ao oficio de zapateiro, “daquela cando se cosía e se facía todo a man”. De feito, foi un dos primeiros zapateiros de Frades e da comarca de Ordes, “pois antes os zapateiros viñan de Noia”, explica.