Friday 22 de November de 2024

Medio Ambiente asigna dous millóns de euros á área de rehabilitación integral da Coruña


Esta nova contía dos fondos de 2018 súmase aos máis de 648.000 euros pendentes de xustificar dos convenios de 2015 e preto de 850.000 euros incluídos nos convenios asinados en outubro de 2017
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asigna máis de dous millóns de euros (2.036.996,88) ás áreas de rehabilitación integral (ARI) de Labañou, Ventorrillo e Conxunto Histórico da Coruña, o que supón máis de sete veces os fondos executados polo concello nesas ARI no marco do plan de vivenda 2013-2016. Ata o momento, a administración local certificou a execución dun total de 273.436,20 euros. As ARI para as que se concede financiamento este ano foron determinadas polo propio concello, que non solicitou financiamento para o resto de áreas de rehabilitación declaradas na cidade

Ademais dos máis de 2 millóns de euros que se lle asignan neste novo reparto, o Concello da Coruña dispón de máis de 648.000 euros pendentes de certificar correspondentes aos convenios asinados en 2015, que foron prorrogados para que a cidade non perdese ese importe, e 845.625 millóns de euros correspondentes aos convenios asinados en outubro de 2017. Neste sentido, A Coruña disporá de máis de 3,5 millóns de euros para as actuacións nas áreas de rehabilitación integral declaradas na cidade.

Malia a baixa execución das axudas da áreas de rehabilitación rexistradas nos últimos anos na Coruña e os fondos pendentes de execución, o concello solicitou que en 2018 se lle asignasen máis de 6,5 millóns de euros, o que supón unha cifra afastada da realidade e da capacidade de execución demostrada.

O reparto realizado pola Xunta de Galicia dos fondos dispoñibles responde, entre outras cuestións, á capacidade de execución demostrada por cada concello nos últimos anos, xa que a asignación de fondos que non van ser executados prexudica aos concellos máis eficientes e pode supoñer para Galicia a perda de fondos, xa que as contías achegadas polo Ministerio de Fomento que non se executen teñen que ser devoltas.

A Xunta de Galicia destina este ano ás áreas de rehabilitación integral un total de 17.915.000 euros, dos que 13,13 millóns son achegados polo Ministerio de Fomento e 4,78 millóns polo Instituto Galego da Vivenda e Solo. Estes fondos repártense entre todos os concellos con ARI declaradas que o solicitaron despois da convocatoria publicada polo IGVS no pasado mes de agosto.

Un total de 35 concellos dos 41 que contan con ARI solicitaron a asignación de fondos para 54 áreas de rehabilitación integral das 69 existentes. No reparto non está incluída a área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago.

ARI´s de Betanzos
Ademais da Coruña, o Concello de Betanzos tamén accederá a fondos da convocatoria de 2018, máis de 430.00 euros para accións na súa área de rehabilitación integral (ARI).

Ademais, tamén dispón de preto de 182.000 euros pendentes de certificar correspondentes aos convenios asinados en 2015 e 144.000 euros correspondentes aos convenios asinados en outubro de 2017; de modo que o orzamento total para o desenvolvemento de accións de rehabilitación, elévanse a máis de 750.000 euros para as actuacións nas áreas de rehabilitación integral declaradas neste termo municipal.

Convocatoria municipal
O seguinte paso será asinar un convenio con cada concello, para que a administración municipal poda proceder á convocatoria das axudas, que deberán solicitar os propietarios das vivendas a rehabilitar.

A estas axudas poderán optar os propietarios de edificios de vivendas ou de vivendas individuais, as comunidades de propietarios e as súas agrupacións, os consorcios e os entes asociativos de xestión.

Tamén poderán beneficiarse das axudas os propios concellos para actuacións de urbanización do ámbito das ARI e para as oficinas municipais de rehabilitación, que tamén serán financiadas pola Xunta.

Subvencións
O importe das axudas contemplan ata un 40 % do custe subvencionable da actuación. Este límite poderá alcanzar o 75% cando os ingresos da unidade de convivencia sexan inferiores a tres veces o IPREM, cando se acometan actuacións para a mellora da accesibilidade ou se acredite que existen persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos.

A achega máxima da axuda estatal por vivenda será da seguinte contía:
• 12.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación.
• 30.000 euros por cada vivenda construída en substitución doutra previamente demolida.
• 2.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación e/ou por construída para as actuacións de mellora da calidade e sostibilidade do medio urbano.
• 4.000 euros anuais, por unidade de convivencia a realoxar, durante o tempo que duren as obras e ata un máximo de 3 anos.
• 1.000 euros para os concellos por vivenda rehabilitada ou construída, para financiar a xestión e os equipos e oficinas de planeamento, información, xestión e acompañamento social.

Cómpre destacar que as axudas incrementaranse nun 25% cando as persoas beneficiarias sexan menores de 35 anos e as actuacións se realicen en concellos de menos de 5.000 habitantes.

O importe das axudas autonómicas terán unha contía máxima:
• 4.000 euros por vivenda obxecto da actuación de rehabilitación, sen que a subvención exceda do 10% do orzamento protexido de rehabilitación da vivenda ou do edificio.
• 1.500 euros para os concellos por vivenda rehabilitada ou construída en substitución doutra demolida, para financiar o custo dos equipos e das oficinas de planeamento, de información, de xestión e de acompañamento social.