Saturday 16 de November de 2024

A X Xornada de Cultura popular galega homenaxeará a Raparigos no seu 50º aniversario


Nos concertos da tarde actuará o propio Xesteira -gaiteiro en Treixadura-, ademais d’Os Faíscas de Solobeira e a Asociación Donaire da Coruña
A Asociación folclórica Berros do Castro e mailo Concello volven colaborar na organización dun día dedicado á nosa cultura musical. Será o sábado 20 de outubro e, de novo, o encontro estará estruturado en tres partes: unha expositiva, outra formativa e, a final, centrada en actuacións abertas ao público de grupos que son referentes na interpretación tradicional. A epígrafe da X Xornada de Cultura popular galega é “Raparigos no seu tempo”, xa que nela se lle rende tributo ao grupo ferrolán xusto no ano en que fai o seu 50º aniversario. Eles serán protagonistas dunha mostra situada na Casa da Cultura que xuntará imaxes, documentos e instrumentos. Do obradoiro desta edición -arredor das técnicas da gaita- ocuparase o mestre Xaquín Xesteira “Xocas”, gaiteiro en Treixadura e tamén n’Os Faíscas de Solobeira, que actuarán a partir das 20.00h. xunto coa agrupación folclórica Donaire, procedente da Coruña. Tanto a exposición como os concertos da tarde son gratuítos. Porén, para o curso impartido por Xesteira fai falla inscrición previa a través do correo berrosdocastro@gmail.com ou dos teléfonos 669 795 418 e 626 140 798. O prezo son 15€ e ofértanse 20 prazas das que xa faltan poucas por cubrir.

Xaquín Xesteira é un dos mestres e intérpretes da gaita máis destacados da actualidade. Vinculado desde neno á música tradicional, tivo como principal referente nos seus comezos ao gaiteiro Nando Casal, con quen, andando o tempo, colaboraría en varios concertos de Milladoiro. Non sería a súa única contribución ao traballo de formacións de referencia no noso folc. De feito, Xocas tamén participou en proxectos de Na Lúa, Fuxan Os Ventos, Rodrigo Romaní, Malvela e outros, ademais de ser integrante de Treixadura e do cuarteto tradicional Os Faíscas de Solobeira, de Cambados.

A súa faceta docente vén avalada polo traballo que desenvolve como profesor na Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo e tamén polos dous volumes publicados sobre o método da gaita galega. No curso acelerado que ofrecerá en San Sadurniño abordará a afinación e o tempero, a ornamentación básica e tamén unha parte técnica centrada no modo menor e nas diferentes opcións para afinar as notas alteradas na gaita.

Aínda que se traten contidos moi específicos, non é necesario ser un virtuoso ou virtuosa do instrumento, aínda que si é recomendable desenvolverse máis ou menos ben con el para que a formación sexa de proveito. Esta parte da xornada ocupará parte da mañá e da tarde: das 10.00 ás 13.00h. e das 16.00h. ás 19.00h. As prazas están limitadas a un máximo de 20 persoas e a inscrición custa 15€.

Concertos a partir das 20.00h.
O remate do obradoiro sobre técnicas da gaita case conectará cos concertos abertos ao público programados para as 20.00h. Será o propio Xesteira quen inicie a parte musical cun repaso didáctico dos recursos aprendidos ao longo do día.

Tras esta introdución subirán ao escenario o cuarteto Os Faíscas de Solobeira, grupo nacido en 1982 na parroquia vilagarciana de Solobeira. De alí tamén eran os míticos Campaneiros de Vilagarcía, de quen Os Faíscas recolleron un testemuño musical que manteñen vivo no seu entorno natural: as alboradas, os pasarrúas e as procesións. Ao longo dos seus 36 anos de historia o grupo foi cambiando de compoñentes ata chegar á configuración actual, con Xesteira e Ramón Vázquez nas gaitas, Nicolás Andrade ao bombo e Xosé Manuel Gómez no tamboril.

Para o peche das actuacións, os Berros do Castro convidaron á Asociación Cultural Donaire, creada hai 18 anos na Coruña co obxectivo de recuperar, promover e difundir o folclore desde a óptica da danza e da interpretación musical. Presentarán varias pezas recollidas por toda Galicia que a agrupación interpreta sen introducirlles ningún tipo de variación.

Raparigos: 50 anos de música tradicional
O título da X Xornada de Cultura popular galega “Raparigos no seu tempo” vénlle render homenaxe ao grupo nacido en Ferrol en 1968 e aproveita para repasar o seu medio século de vida por medio de fotografías, discos, documentos e mesmo instrumentos.

Da formación orixinal integrada por Ánxel Muñoz, Xan Rodríguez Silvar, Carlos Vázquez e Francisco Trillo só segue Silvar, aínda que tamén cómpre lembrar que nos seus primeiros anos houbo varios cambios con compoñentes procedentes de Xente Nova ou Follas Novas, outros dos grandes nomes da música tradicional da comarca, inspirados á súa vez no pulo que lle deu á gaita Constantino Bellón. Foi o caso do gaiteiro Javier Rodríguez Fariñas, do bombeiro Rafael Victoria e do mestre e artesán Antón Varela, falecido o ano pasado. A última incorporación -xa como cuarteto- foi a do ventista e percusionista Ramón Dopico, que forma parte tamén dos Berros do Castro.

No resume para medios de comunicación facilitado por esta entidade destácase que a exposición “Raparigos: 50 anos de música tradicional” pon de relevancia o papel do grupo como mantedor da esencia dos cuartetos de gaita dos anos 60 “e dun xeito de interpretar a nosa música popular que foi novidoso no seu momento e segue a selo hoxe en día”.

A exposición permanecerá aberta no recibidor da Casa da Cultura durante todo o sábado 20 de outubro, día da X Xornada de Cultura popular galega organizada pola AFC Berros do Castro coa colaboración do Concello de San Sadurniño e da Cooperativa de Meirás.