Poderá verse gratuitamente ao longo dos vindeiros quince días no Museo do Traxe
Paisaxes e personaxes. María Victoria Moreno, Letras Galegas 2018. Este é o título da mostra que a partir de mañá, e durante quince días, poderase desfrutar gratuitamente no Museo do Traxe de Ordes. O horario irá de martes a sábados de 10 a 14 e de 17 a 20 horas, así como os domingos de 10 a 14 horas.
A dita mostra englóbase no marco da programación institucional Letras Galegas 2018, levada a cabo pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Percorrerá distintos puntos do territorio galego como Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo, Lugo, Ourense, A Coruña, Ferrol, Sanxenxo, Vilalba e Celanova. O principal obxectivo é achegarlle á cidadanía a figura, a vida e a obra da autora homenaxeada. A mostra baséase en ilustracións dos principais personaxes e escenarios de oito libros de María Victoria Moreno creadas por Nuria Díaz, Lucía Cobo, Xan López Domínguez, Jacobo F. Serrano, Jacobo Muñiz, Mari Fe Quesada, Bea Lema e Dani Padrón, baixo a coordinación de David Pintor.
Cada un dos artistas creou nun panel dúas ilustracións alusivas á personaxe principal da historia e mais ao escenario no que se desenvolve a historia das obras, de aí o nome da mostra. O resultado é unha galería de retratos e lugares que conforman o universo literario da autora. Así mesmo, cada un destes paneis complétase cun fragmento da obra correspondente. A exposición complétase con tres paneis biobibliográficos e dúas vitrinas nas que se ofrece unha escolma de obxectos persoais da escritora, como a súa primeira máquina de escribir, unhas lentes que levou durante anos, o título de licenciada, o bolígrafo co que escribiu as súas derradeiras obras, o manuscrito da obra O cataventos e diversos libros que lle foron dedicados á autora por escritoras e escritores amigos seus, como Xesús Alonso Montero, Fina Casalderrey, Fiz Vergara Vilariño ou Úrsula Heinze.