Friday 22 de November de 2024

Ordes berra por ‘aire, auga e terra limpas’


Arredor de medio milleiro de persoas participaron onte na concentración ‘Aire, auga e terra limpas’, convocada no parque da Constitución, na vila de Ordes. Entre as entidades convocantes atopábanse a Coordinadora contra as Implantacións de Parques Eólicos na Comarca de Ordes, a Asociación de Afectados polo Vertedoiro de Lesta, a Comisión de Seguimento da Minería e Defensa do Rural Mesía-Frades e a Asociación A Picota de Trazo. Ademais, tamén recibiron o apoio doutras plataformas, como foi o caso da asociación en contra da mina de Touro.

Entre os representantes institucionais non faltaron a case totalidade dos membros do Goberno local, así como outros moitos membros da oposición. Cada un portou a súa espiga de millo, símbolo de repulsa contra os distintos proxectos considerados lesivos para a conservación medioambiental e o desenvolvemento socioeconómico da comarca, así como para a saúde dos seus habitantes. Todos e todas eles apoiaron o chamamento de que a comarca non se converta no vertedoiro de toda Galicia. A escritora Eli Ríos foi a encargada de ler o pregón.