As propostas do executivo local foron aprobadas por unanimidade
A corporación deulle o visto e prace no último pleno á mellora e acondicionamento de diferentes partes do recinto feiral e á solicitude de adhesión do Concello de Moeche ao Consorcio Galego de Benestar Social e Igualdade. No primeiro caso trátase de continuar coas melloras do espazo onde se desenvolven feiras e mercados, mentres que no segundo se acordou a integración de Moeche no consorcio para a posta en marcha do programa Xantar na casa. Estes dous proxectos presentados polo Goberno local saíron adiante por unanimidade e sen ningún tipo de debate na sesión celebrada o pasado xoves.
O primeiro e terceiro punto da orde do día someteron á aprobación do Pleno o financiamento, a memoria e o proxecto denominado “Mellora do espazo do campo da feira do núcleo urbano de Moeche”, cun importe que ascende a 78.750,00€. A Deputación da Coruña financia o 80% desa contía -63.000 euros-, mentres que os 15.750 € restantes -o 20% do total- correrán por conta do Concello.
“Queremos seguir preparando o equipamento feiral dentro e fóra das naves para potenciar o espazo como un dos principais eixos de dinamización da economía local vencellada á terra”, sinala Beatriz Bascoy. Neste sentido, as actuacións máis salientables do proxecto ocuparanse de reparar varandas en mal estado, corrixir desniveis e puntos onde apoza a auga, dotar as escaleiras de asideiros e, en resume, “solucionar problemas de accesibilidade agravados polas importantes pendentes das vías interiores da feira, ademais des eguir adecentando o aspecto xeral do recinto”, apunta a rexedora.
Esta nova fase de mellora e acondicionamento dun dos puntos claves do concello dálle continuidade aos proxectos executados nos ultimo meses, como foi o proceso de ordenación e regularización da actividade mercantil, a remodelación integral da nave dos tecidos e do seu entorno, a creación do espazo do Mercado, a nova cuberta ou proximamente a nova iluminación no recinto e na nave “que suporá un aforro enerxético e económico importante”.
Programa Xantar na Casa
O segundo punto aprobado no pleno por unanimidade refírese á aprobación da solicitude de adhesión do Concello de Moeche ao Consorcio Galego de Benestar e Igualdade, como requisito previo para solicitar a posta en marcha no concello do programa Xantar na Casa . Unha vez asinado o convenio de adhesión, o Concello solicitará o inicio do procedemento para ofrecerlle esta prestación sociocomunitaria ao maior número de persoas, sempre e cando reúnan os requisitos establecidos polo Consorcio.