Thursday 21 de November de 2024

Economía e Industria inviste 22.500 euros na mellora do alumeado público de varias zonas do concello de Oza-Cesuras


Incrementouse a eficiencia enerxética das luminarias dos lugares de Mandaio, da Estación, Agra-Reboredo, Portorraro e A Queimada

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou esta mañá o concello de Oza-Cesuras para supervisar o avance do proxecto subvencionado pola Consellería de Economía e Industria para a renovación do alumeado público en varias zonas do municipio, o que supón un investimento de máis de 26.367 euros, dos que o departamento autonómico aporta 22.412 euros.

Do Campo, acompañada polo alcalde, Pablo González, sinalou que o proxecto de mellora da iluminación pública exterior acometeuse nos lugares de Quinta Mandaio, Agra-Reboredo, A Estación, Portorraro e A Queimada, onde se substituíron aquelas lámpadas de mercurio cor corrixido por outras de sodio de alta presión e se instalaron novos sistemas para diminuír o consumo. Actuarase sobre un total de 92 puntos de luz, o que suporá unha rebaixa do gasto enerxético, así como unha diminución da contaminación.

Segundo explicou a delegada territorial, estes traballos permitirán rebaixar o consumo en 112.792 kWh/ano e, en consecuencia, a factura eléctrica do concello de Oza-Cesuras en máis de 11.530 euros ao ano. As emisións de dióxido de carbono tamén descenderán en 73,31 toneladas nun período de 12 meses.

“A través desta actuación contribuímos ao aforro enerxético do concello nunha das súas partidas máis destacables, tendo en conta que a iluminación pública supón, de media, case o 70% do consumo eléctrico dun municipio”, explicou a delegada. Deste xeito, resaltou, “a Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia, mostra unha especial sensibilidade cos municipios por ser a administración local a máis achegada aos cidadáns”, tendo as medidas adoptadas un maior grao de visibilidade e repercusión pública.

Neste senso, Do Campo sinalou tamén que para outorgamento desta liña de subvencións tívose en conta que no caso de Oza-Cesuras trátase dun municipio fusionado recentemente, polo que veu a contía da axuda incrementada ata o 85%.