Saturday 16 de November de 2024

Milleiros de romeiros e devotos de toda Galicia compren coas respectivas tradicións no Día de Santa Mina


As cinco polbeiras estiveron cheas durante toda a mañá e as visitas ao sepulcro da Santa non baixaron dos 20 minutos de espera

A Romaría de Santa Minia de 2018 está a ser unha das máis concorridas dos últimos anos, superando con creces as previsións iniciais da organización para unhas festas nas que o día grande cadraba pola semana, pois só é festividade local en Brión. Aínda así, milleiros e milleiros de devotos procedentes de toda Galicia (especialmente das comarcas de Santiago, Barbanza, Xallas e Ordes) ateigaron a contorna da capela de Santa Minia dende primeiras horas da mañá.

O coordinador da festa, Alberto Álvarez, confirma que “durante a verbena do Día de Vésperas e a tirada de fogos de artificio a carballeira estivo totalmente chea. Pero hoxe é que empezou a chegar xente a primeira hora da mañá e a afluencia foi tal que ao mediodía xa tiñamos completos os dous aparcamentos máis próximos á carballeira, algo que só acontecera cando o Día Grande cadraba en fin de semana”.

O alcalde brionés, José Luís García, confirma que “non só hai colas para as visitas á santa, as polbeiras están ata os topes dende onte, pois vir comer o polbo a Santa Minia é xa unha tradición máis desta festa. E os polbeiros recoñecen que como Santa Minia, non hai romaría igual”. Así mesmo e agradece “o extraordinario traballo que están a realizar os membros de Protección Civil, Policía Local, Garda Civil e persoal médico para que as festas se desenvolvan dentro da normalidade e sen ningunha incidencia”.

Oficios relixiosos

As visitas ao santuario comezaron ás nove da mañá, pero a partir das 10:00 horas comezaron as esperas de entre 20 e 25 minutos ata a hora do xantar, se ben tamén se deu a curiosa circunstancia de que houbo momentos nos que non había espera ningunha. Milleiros de devotos cumpriron coa tradición de bicar o sepulcro onde repousa a santa e pasar sobre el as típicas estampiñas de Santa Minia para que lles dean sorte durante todo o ano.

Coma é habitual nos últimos anos, por razóns de seguridade as velas de ofrenda que traían os romeiros non se depositaron na capela, senón na casa reitoral, onde teñen lugar as misas. Unhas figuriñas de cera con formas de mans, brazos, cabezas, pernas… de acordo con aquela parte do corpo na que pidan a actuación de Santa Minia e que os devotos presentaran minutos antes diante da Santa tras mercalos nos postos que rodean a capela de Santa Minia. Uns postos que, como novidade, este ano volveron recoller tamén figuriñas con formas de animais (sobre todo vacas, cabalos e porcos), despois dun par de anos sen vendelas.

Festa

Por outra banda, a carballeira e a avenida de Santa Minia centralizaron un ano máis a parte máis festiva da celebración, se ben este ano as atraccións infantís concentráronse detrás da biblioteca municipal. A avenida de Santa Minia estivo ata os topes en canto a postos de venda de rosquillas, roupa, chourizos, queixos, xamón ibérico, larpeiradas, licores, filloas, çferramentas, pulseiras, velas, imaxes relixiosas, música, zapatos, xeados, castañas… Nesta edición houbo máis de 150 postos de venda.

Outros que estiveron sempre cheos foron as cinco polbeiras emprazadas na zona, que non deixaron de vender racións de polbo, churrasco e carne ao caldeiro. A música da mañá correu a cargo da Charanga Os Celtas Mekánica e do grupo de gaitas da Os Viqueiras de Ordes. A orquestra “Costa Dorada” encargouse da sesión vermú e protagonizará a verbena da noite canda “América”.

O dispositivo de seguridade posto en marcha polo Concello de Brión funcionou sen incidencias, facilitando aos visitantes o lugar de aparcamento libre máis próximo á festa, especialmente ás persoas maiores ou con mobilidade reducida (estes últimos podían subir ben ata o polivalente, ben ata a propia carballeira, por outros camiños). Protección Civil confirma que ás 15:00 horas de hoxe non se tiña producido ningún tipo de incidencia.

Xabier Díaz

Mañá venres 28 terá lugar outro dos pratos fortes desta edición: o concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, ás 22:30 horas na carballeira de Santa Minia. Xabier Díaz (Berrogüeto, Nova Galega de Danza, A cada canto) e Adufeiras de Salitre, un grupo de percusionistas e cantadoras de música popular, presentarán en Brión o seu último traballo: “Noró”, un disco que é un retrato do seu día a día.

Previamente, a programación cultural preparada polo Concello de Brión inclúe as actuacións de Os Xirifeiros de Carril (13:00 horas), o espectáculo familiar de maxia e clown “Riscando o ceo”, de Circo Chosco (17:30 horas) e a música de Faíscas da Pontraga de Ordes (20:30 horas).