Incluído nos actos do 850 aniversario, terá lugar do 19 ao 21 de outubro e as ponencias serán de acceso gratuíto
Noia acollerá do 19 ao 21 de outubro o I Congreso Internacional de Criminalística Aplicada, que reunirá ás máis destacadas figuras en investigación criminal do mundo académico, cultural, xurídico, xornalístico, pericial, policial, militar e forense. Unha iniciativa incluída dentro dos actos do 850 aniversario da vila e que foi presentado esta mañá polo alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón e a concelleira de Seguridade Cidadá, Mariola López, que estiveron acompañados polo director do Centro de formación do Instituto Internacional de Criminalística Aplicada (INICA) e do Gabinete Pericial de Inpeval, Luis Alamancos Pampín, e polo xefe do Departamento de Toxicoloxía e Medicina Legal e Forense de INICA, Antonio Busto Cuíñas.
Santiago Freire Abeijón amosou a súa “satisfacción por ter en Noia un congreso destas características, con poñentes de primeiro nivel e que van aportar moitos detalles sobre diversos aspectos da investigación criminalística e forense”. Esta cita supón “unha excelente oportunidade para dar a coñecer o noso municipio e agardo que sexa todo un éxito”, afirmou. Ao mesmo tempo, invitou á veciñanza e visitantes a asistir ao I Congreso Internacional de Criminalística Aplicada, que se desenvolverá tanto no Coliseo Noela coma na Sociedade Liceo de Noia, entidade á que agradeceu “a súa colaboración para o desenvolvemento desta iniciativa”.
Pola súa banda, Luis Alamancos adiantou que “máis dun cento de persoas amosaron o seu interese por asistiren a este congreso, que será moi dinámico e que vai situar a Noia como referente do sector no panorama nacional”. Non en van, acudirán á cita profesionais procedentes de lugares como Andalucía, País Vasco ou Madrid, así como de distintos puntos da comunidade autónoma.
Apertura coa Entrega de Medallas
Antonio Busto realizou un breve repaso ao programa deste I Congreso Internacional de Criminalística Aplicada. Dará comezo o venres 19 de outubro ás 20.00 horas no Coliseo Noela co acto de apertura oficial e a solemne entrega de Medallas ao Mérito Profesional e Académico. Entre as persoas e entidades galardoadas atópase a Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (ASPOH), ademais de integrantes dos corpos e forzas de seguridade e da xudicatura ou académicos, todos eles con perfís profesionais sobresaíntes.
A xornada do sábado 20 de outubro será a máis completa, cun total de 7 conferencias sobre diversos aspectos da Criminalística Aplicada. Todas elas desenvolveranse nas instalacións da Sociedade Liceo de Noia en horario de 09.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.30 horas. As últimas intervencións realizaranse neste mesmo emplazamento durante a mañá do domingo 21 de outubro.
O alcalde noiés lembrou que a asistencia ás actividades é de balde, ata completar aforo. Polo tanto, “calquera persoa que teña interese neste eido, conta cunha oportunidade única para escoitar a profesionais moi salientables”.
Poñentes e breves perfís
Coronel Pedro Baños Bajo. Ex xefe de Contraintelixencia do Exército Europeo, especialista en terrorismo xihadista, e colaborador do programa Espejo Público.
María del Mar Robledo Acinas. Doutora en Medicina Legal e Forense pola Universidade Complutense de Madrid e antropóloga forense.
Ioannins Koutsourais. Especialista en Criminalística Forense, en organizacións criminais transnacionais e en tráfico ilegal en obras de arte.
Ana Mª Bermejo Barrera. Doutora en Medicina e Cirurxía pola USC, especialista en Medicina do Traballo, e catedrática de Toxicoloxía na Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Manuel López-Rivadulla Lamas. Catedrático de Toxicoloxía na USC nas Facultades de Medicina, Farmacia, Dereito e na Escola Técnica Superior de Enxeñería Química. É tamén investigador no Departamento de Ciencias Forenses da Facultade de Medicina da USC e desenvolve o seu labor pericial no Servizo de Toxicoloxía do Instituto Universitario de Ciencias Forenses Luis Concheiro Labor Investigadora e Pericial.
Ulises Bértolo García. Abogado penalista e escritor.
José Ignacio Santaló Junquera. Abogado, Máster en Dereitos Humanos e especialista en Dereito Penal.
Alfredo Conde Cid. Escritor e Doutor Honoris Causa en Letras pola Universidade Trobe de Melbourne (Australia), galardoado co Premio Nacional de Literatura e autor de numerosas obras literarias e divulgativas.
Pablo Villarrubia Mauso. Doutor en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid, especialista en Xornalismo Arqueolóxico, escritor e colaborador do programa de televisión Cuarto Milenio.
Montserrat Llor Serra. Xornalista e escritora especialista en crimes de guerra nazis.
Luis Alamancos Pampín. Criminólogo e criminalista, perito xudicial especialista en criminalística forense e investigación criminal; director do gabinete pericial Inpeval e do Centro de Formación do Instituto Internacional de Criminalística Aplicada (INICA).
Antonio Busto Cuíñas. Farmacólogo experto en Toxicoloxía Forense, perito xudicial e xefe do Departamento de Toxicoloxía e Medicina Legal e Forense do INICA.