Teresa Villaverde e Valentín García asistiron canda un cento de alumnos e alumnas de secundaria do CPI Cernadas de Castro á clausura da exposición “María Victoria Moreno: paisaxes e personaxes”
O secretario xeral de Política Lingüistica, Valentín García Gómez, e a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde Pais, clausuraron esta mañá a mostra “María Victoria Moreno: paisaxes e personaxes”, que puido visitarse na sala de exposicións da Casa da Cultura lousamiá durante as dúas últimas semanas. Un acto no que estiveron acompañados por un cento de alumnos e alumnas de secundaria do CPI Cernadas de Castro, acompañados pola directora do centro Pilar Cobas.
Villaverde agradeceu a García Gómez a cesión desta mostra “que demostra o amor pola cultura e a lingua galegas de María Victoria Moreno” e aproveitou para reclamarlle que “Zernadas de Castro é merecedor de que se lle dedique xa un Día das Letras Galegas, como poden confirmar todos estes rapaces e rapazas que asisten ao colexio que leva o seu nome”. A alcaldesa lousamiá salientou o traballo a prol da cultura e da sociedade, tanto de Fruíme coma de todo Lousame, de Zernadas de Castro, así como o seu labor xornalística, como escritor e poeta.
Exposición
Valentín García recolleu o guante e salientou “o traballo cultural que realiza o Concello de Lousame, que é unha referencia pola súa sensibilidade cos temas culturais e o máis avanzado de Galicia en canto á preservación da súa rica toponimia”. O secretario xeral de Política Lingüística explicoulles ao alumnado que “se esta exposición estivo en Lousame foi porque así insistiu a alcaldesa, pois a nosa intención era que a itinerancia se limitase ás grandes cidades e a aquelas vilas relacionadas directamente coa escritora”.
Así mesmo, díxolles aos alumnos e alumnas presentes que “unha vez que xa lestes a María Victoria, seguro que vos decatastes da importantes historias que nos relata. Espero que visitando esta exposicións vexades a importancia dunha escritora moi galega pero que non naceu en Galicia”. Valentín García instou aos presentes “a levar a María Victoria Moreno como modelo para o quefacer diario. Aprender dela, que sempre foi quen de superar todos os impedimentos. A vida moitas veces é unha carreira de obstáculos que temos que ir superando co orgullo de ser galegos”.
A exposición, promovida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, recolle a visión que varios ilustradoras e ilustradores galegos teñen dalgunhas das obras de Moreno. Contou coa coordinación de David Pintor, humorista gráfico, ilustrador e pintor coruñés, que é o autor da imaxe central da mostra. Unha exposición que recolle debuxos de oito ilustradores galegos de prestixio con outras tantas obras de María Victoria Moreno: O cataventos, A festa no faiado, Anagnórise, Mar adiante, Un cachiño de bica, Guedellas de seda e liño, Leonardo e os fontaneiros e A brétema. Canda os distintos paneis informativos, “María Victoria Moreno: paisaxes e personaxes” expón dúas vitrinas con distintos obxectos da autora, dende a súa máquina de escribir ou os seus lentes, ata o título de licenciada en Filosofía e Letras, sección de filoloxía.