Saturday 16 de November de 2024

A Mancomunidade de Ordes confirma a súa participación no proxecto Ahortas, desenvolvido por Cáritas Santiago


A través deste ofrécese formación en horticultura ecolóxica co fin de introducir laboralmente a un total de 15 persoas do ámbito rural en risco de exclusión social

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes vén de anunciar a súa colaboración co proxecto Ahortas. A dita empresa, participada ao 100% pola Fundación Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, ten como obxecto a creación de explotacións de horticultura ecolóxica para a inserción laboral de persoas en risco de exclusión social no eido rural. Unha inclusión obtida ben mediante a creación de iniciativas emprendedoras ou en empresas xa existentes.
Tras un período de dous anos de formación en explotacións propiedade de Cáritas, baixo a dirección técnica de profesionais con experiencia específica neste tipo de explotacións, acompañarase e asesorarase de cara á creación dun emprego no sector ou na instalación dunha explotación con posibilidades de acadar un financiamento FEADER. Ademais tamén se ofrecerá asesoramento na distribución e comercialización dos produtos, os cales inclúen froitas, hortalizas e plantas aromáticas e ornamentais ecolóxicas.
En total seleccionaranse a quince persoas da comarca de Ordes para participar no proceso formativo, o cal se divide en dúas partes. A primeira será un curso dun ano (400 horas lectivas) organizado en xornadas matutinas de 4 horas de duración, e con prácticas destinadas a poñer en funcionamento a explotación. Xa no segundo ano e coa mesma duración, traballarase na especialización e diversificación das posibles áreas de traballo, ademais de gozar de acompañamento no proceso de inserción sociolaboral. Para inscribirse ou solicitar máis información as persoas interesadas poden poñerse en contacto coa Mancomunidade de Ordes (981680679 ou 981680002).
No caso da comarca ordense a día de hoxe existen cinco parcelas próximas ao núcleo urbano onde poder desenvolver o dito proxecto, as cales xa serviron de espazo de traballo para os participantes do proxecto Sementeira, levado a cabo por Cáritas Ordes.