É sabido que o estado de ánimo inflúe na saúde, tanto física como mental. Sábese desde sempre e, ademais, hai estudos científicos que avalan ata que punto a risa e o exercicio do bo humor poden contribuír a mellorar o noso estado xeral. Iso é, en esencia, o que se buscou coa sesión de risoterapia impartida esta mañá na Casa da Xuventude pola Fundación Mujeres. Nela participaron unha decena de persoas para poñer a proba se rir a cachón nos fai sentir mellor. E seica así é, ou alomenos era o que reflectían as súas caras.
A actividade estivo dirixida pola psicóloga Rosalía Fernández, quen propuxo ao longo desta mañá exercicios grupais provocadores da risa que se foron intercalando con outros de relaxación.
Máis que exercicios foron xogos conxuntos cunha única finalidade, buscar motivos para rir e para alonxar pensamentos negativos. E é que a risa é unha ferramenta moi útil para manter en forma corpo e cabeza. Disque unha gargallada pode mobilizar ata 400 músculos e que 20 segundos rindo a cachón son equiparables -anque non sexa ben igual- a tres minutos de exercicio aeróbico.
Por outra banda, hai beneficios menos apreciables a simple vista como a liberación das coñecidas comunmente como hormonas da felicidade, a saber: a dopamina que nos produce un estado de placer e a serotonina que, entre outras funcións, ten a de regularnos o ánimo. “Está demostrado que a risa axuda a mellorar o estado de saúde”, asegura Fernández, quen destaca a importancia de que o obradoiro de San Sadurniño fose dirixido a mulleres “ás que ás veces lles costa un pouco máis incluírse en certos ámbitos”.
Neste sentido, no arranque da sesión traballouse a desinhibición, é dici, “que se solten, que non teñan prexuízos”. Algo que, así, en grupo, “ás veces costa”, tal e como asegura a psicóloga. Con todo, Rosalía Fernández tamén afirma que, ao final, “todas acaban soltándose e entrando na dinámica”.
O taller de risoterapia impartido esta mañá na Casa da Xuventude forma parte da programación de propostas en feminino que desenvolve anualmente a Fundación Mujeres. Esta entidade sen fins de lucro tamén traballou nos últimos meses en San Sadurniño levando adiante un curso dirixido a persoas que coidan doutras persoas.