Saturday 16 de November de 2024

Brión prepárase para un cheo total mañá xoves, Día de Santa Mina


Gran afluencia á programación matutina no Día das Vésperas, cuxa novidade é a instalación de postos xa durante a mañá

Todo listo en Brión para acoller un dos Días de Santa Minia con maior afluencia dos últimos anos. Así o augura, cando menos, a gran afluencia de romeiros rexistrada esta mañá, Día de Vésperas, na Carballeira de Santa Minia e que moitos dos postos e atraccións da festa xa estaban abertos a primeira hora da mañá. O coordinador da Romaría de Santa Minia, Alberto Álvarez, explica que “o tempo acompaña e moitos dos postos e atraccións previstos para mañá xoves xa están montados na mañá do Día de Vésperas, polo que xa hoxe houbo moita xente e agardamos a chegada de milleiros e milleiros de romeiros tanto esta noite, coa tirada de fogos de artificio e a queima da fachada, como no Día de Santa Minia”.

De feito, por primeira vez nos últimos dez anos todos os postos da contorna da capela de Santa Minia xa están instalados na mañá do Día de Vésperas e mesmo xa había unha ducia de postos instalados na avenida de Santa Minia, que aínda non foi cortada ao tráfico. Ademais, as cinco polbeiras instaladas na zona traballan a todo ritmo dende o pasado domingo, vendendo milleiros de quilos de polbo e churrasco, pois comer o polbo en Santa Minia é case unha tradición semellante á visita á propia Santa. E nunha parcela contigua, xa están instaladas as atraccións infantís: carruseis, coches de choque, inchables…

Día de Vésperas

O Concello de Brión xa ten sinalizadas todas as zonas de aparcamento gratuíto, así como as zonas de seguridade reservadas para a tirada dos fogos de artificio desta noites. De feito, afluencia desta mañá, coincidindo coa actuación da Charanga Mekánica, foi tal, que non era posible aparcar en Pedrouzos e o aparcamento máis próximo á carballeira, “A Chica”, xa estaba case completo.

Ás 17:30 terá lugar “Saaabor!”, un espectáculo familiar de Culturactiva SCG protagonizado polos “chefs” Fran Rei e Félix Rodríguez. Un espectáculo cómico de 55 minutos de duración e que mestura música, maxia, humor e participación do público, co mundo da gastronomía de fondo. Ás 19:00 horas, tempo para a música tradicional con Xoldra (Rois) e, ás 22:30 horas, verbena coas orquestras “Capitol” e “Finisterre”. Ás 0:00 horas, as orquestras farán un descanso para á tradicional sesión de fogos de artificio e queima da fachada da Capela de Santa Minia, tras o que continuarán coa verbena ata ben entrada a madrugada.

Día Santa Minia

Mañá xoves, Día de Santa Minia, a festa comezará ás dez da mañá coa actuación, un ano máis, da Charanga Os Celtas, seguida da agrupación “Os Viqueiras” de Ordes (12:00 h) e da sesión vermú coa orquestra “Costa Dorada”. O momento de maior afluencia terá lugar coincidindo coa misa solemne das 13:00 horas, momento no que coinciden os devotos que asisten á celebración cos romeiros que acoden á sesión vermú e a comer o polbo e o churrasco nas 5 polbeiras instaladas na contorna.

Na avenida de Santa Minia, que estará cortada ao tráfico dende as 18:00 horas de hoxe martes, haberá uns 150 postos de venda de rosquillas, roupa, chourizos, larpeiradas, licores, filloas, ferramentas, pulseiras, velas, imaxes relixiosas, xeados… Os carruseis, inchables, coche de choque e demais atraccións estarán nunha parcela próxima ás polbeiras.

Dende o pasado domingo, cinco polbeiras están instaladas a pé da carballeira, que venderán uns 5.000 quilos de polbo e grandes cantidades de churrasco. Na parcela municipal próxima ás polbeiras volverán emprazarse as atraccións infantís: carruseis, coches de choque, inchables…

As celebracións relixiosas terán lugar na reitoral situada en fronte á capela de Santa Minia a cada hora, entre as 9:00 e as 12:00 horas e entre as 17:00 e as 20:00 horas, coa mencionada misa solemne ás 13:30 horas. Un ano máis, as velas e figuriñas de cera dos devotos depositaranse na reitoral e non na capela por motivos de seguridade. Unhas figuriñas con formas de mans, brazos, cabezas, pernas… (de acordo con aquela parte do corpo na que pidan a actuación de Santa Minia) que os devotos presentarán á Santa e que poderán mercar nos postos que rodean a capela de Santa Minia. Nas últimas edicións, incluso nos momentos de maior afluencia, a espera para bicar o sepulcro onde repousan os restos da Santa e pasar sobre el as típicas imaxes de Santa Minia para que lles dea sorte durante todo o ano non se demorou máis aló de 25 minutos.

Ás 16:00 horas, volve a música con Brassica Rapa, grupo feminino de vento e percusión; mentres que ás 17:30 horas, o mago Dani García presentará na carballeira o seu espectáculo “Código”. Unha hora de maxia inventiva e persoal que buscará a participación activa do público asistente. O programa pecharase coa verbena, a partir das 20:00 horas, coas orquestras “Costa Dorada” e “América”.

O Concello de Brión ten en marcha un dispositivo especial para velar pola seguridade e comodidade dos visitantes. Haberá habilitadas 7 zonas de aparcamento totalmente gratuítas convintemente sinalizadas. Os autobuses farán transbordo no Centro Social Polivalente, mentres que os condutores particulares serán guiados por efectivos de Protección Civil cara a zona de aparcamento máis achegada á Carballeira de Santa Minia que conte con prazas libres nese momento.