Friday 22 de November de 2024

Todo listo en Brión para a Romaría de Santa Minia máis longa: os festexos comezan mañá mércores e prolongaranse durante cinco días


Mañá mércores, Día de Vésperas, terá lugar a tradicional sesión de fogos de artificio e queima da fachada

O Concello de Brión xa ten todo listo para celebrar unha das Romarías de Santa Minia máis longas que se recordan: cinco días de actividades, concentradas principalmente na tarde/noite de mañá mércores 26 (Día de Vésperas) e o xoves 27 (Día de Santa Minia). Esta mesma mañá ultimáronse os detalles do operativo disposto para velar pola seguridade e comodidade dos visitantes, que estará integrado por unha vintena de efectivos, entre membros de Protección Civil e Policía Local, e que se encargarán de atender aos milleiros de romeiros que acudan á festa.

En canto á loxística do evento, o Concello mantén as sete zonas tradicionais de aparcamento totalmente gratuítas, que estarán convintemente sinalizadas. Os autobuses farán transbordo diante do Centro Social Polivalente, mentres que os condutores particulares serán guiados por efectivos de Protección Civil ata o aparcamento máis próximo á Carballeira de Santa Minia, epicentro dos festexos.

O coordinador da Romaría de Santa Minia, Alberto Álvarez, explica que “este ano o tempo vai acompañar, polo que agardamos a visita de milleiros de romeiros non só para desfrutar dos fogos de artificio de mañá ou do Día de Santa Minia, senón que temos preparado un programa cultural moi interesante para os outros tres días que estou convencido de que atraerán tamén a moitos visitantes”. Iso si, o coordinador da Romaría aconsella a todos os visitantes “que sigan en todo momento as instrucións dos membros de Protección Civil e da Policía e que lembren que o uso destes aparcamentos é totalmente de balde, non hai que aboar nada”.

Día de Vésperas

O tráfico pola avenida de Santa Minia estará aberto ata a noite de mañá mércores 26 de setembro, momento no que empezarán os cortes debido á instalacións das máis de 150 casetas de venda que se situarán na zona. Postos que venderán rosquillas, roupa, produtos de segunda man, embutidos, larpeiradas, licores, filloas, ferramentas, artesanía, velas, imaxes relixiosas, xeados… Algunhas delas xa presentes hoxe na contorna da capela de Santa Minia, aproveitando o tirón da Novena relixiosa.

Dende o pasado domingo, cinco polbeiras están instaladas a pé da carballeira, que venderán uns 5.000 quilos de polbo e grandes cantidades de churrasco. Na parcela municipal próxima ás polbeiras volverán emprazarse as atraccións infantís: carruseis, coches de choque, inchables…

O programa de actividades para o mércores 26, Día de Vésperas, abrirase un ano máis coa actuación da Charanga Mekánica ás 13:30 horas, que volverá actuar ás nove da noite. Ás 17:30 terá lugar “Saaabor!”, un espectáculo familiar de Culturactiva SCG protagonizado polos “chefs” Fran Rei e Félix Rodríguez. Un espectáculo cómico de 55 minutos de duración e que mestura música, maxia, humor e participación do público, co mundo da gastronomía de fondo.

Ás 19:00 horas, tempo para a música tradicional con Xoldra (Rois) e, ás 22:30 horas, verbena coas orquestras Capitol e Finisterre. Ás 0:00 horas, as orquestras farán un descanso para á tradicional sesión de fogos de artificio e queima da fachada da Capela de Santa Minia, tras o que continuarán coa verbena ata ben entrada a madrugada.

Programa das festas

O xoves 27, Día de Santa Minia, abrirase coa música da Charanga Os Celtas; á que se sumarán a agrupación “Os Viqueiras” de Ordes (12:00 h) e as escolas tradicionais de baile e pandeireta de Brión (18:30 h). A sesión vermú correrá a cargo da orquestra “Costa Dorada”, que tamén amenizará a verbena das 20:00 horas canda a orquestra “América”.

Ás 16:00 horas, volve a música con Brassica Rapa, grupo feminino de vento e percusión; mentres que ás 17:30 horas, o mago Dani García presentará na carballeira o seu espectáculo “Código”. Unha hora de maxia inventiva e persoal que buscará a participación activa do público asistente.

O venres 28 terá lugar outro dos pratos fortes desta edición: o concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, ás 22:30 horas na carballeira de Santa Minia. Xabier Díaz (Berrogüeto, Nova Galega de Danza, A cada canto) e Adufeiras de Salitre, un grupo de percusionistas e cantadoras de música popular, presentarán en Brión o seu último traballo: “Noró”, un disco que é un retrato do seu día a día.

Previamente, a programación cultural preparada polo Concello de Brión inclúe as actuacións de Os Xirifeiros de Carril (13:00 horas), o espectáculo familiar de maxia e clown “Riscando o ceo”, de Circo Chosco (17:30 horas) e a música de Faíscas da Pontraga de Ordes (20:30 horas).

O sábado 29, ás 13:00 horas, a carballeira de Santa Minia acollerá a actuación de “A gaita de Sarandón”, un grupo de requinteiros da Ulla. E ás 17:30 horas, o home orquestra Pulpiño Viascón presentará o seu espectáculo familiar “Musicleta”.

Finalmente, o domingo 30, actuarán Os Castros (Ames), ás 12:00 horas, e terá lugar o tradicional Festival de Bandas de Música Populares, que terá lugar ás 17:00 horas. Actuarán a Banda de Música Municipal de Brión e a Banda da Escola de Música de Rianxo.

Oficios relixiosos

No que atinxe aos servizos relixiosos, o Día de Véspera haberá misas ás 9:00, 12:00, 18:00, 19:00 e 20:00 horas. O Día de Santa Minia haberá misas cada hora entre as 9:00 e as 12:00 horas e entre as 17:00 e as 20:00 horas na reitoral fronte á capela de Santa Minia. A misa solemne comezará ás 13:00 horas. Os oficios relixiosos continuarán o venres 28 e o sábado 29 de setembro ás 19:00 horas; e o domingo 30, ás 9:00, 11:00, 12:30 e 19:00 horas.