As anotacións poden facerse na Oficina de Deportes ou no 981 825 780. As actividades darán comezo o 15 de outubro
A Concellería de Deportes do Concello de Lousame abre o prazo de inscrición nas escolas deportivas municipais para o curso 2018-2019, nas que oferta un total de oito modalidades deportivas: fútbol sala, voleibol, bádminton, tenis, tenis de mesa, balonmán, psicomotricidade e predeporte.
O Concello de Lousame mantén o mesmo prezo que anos anteriores: 12 euros por cada curso escolar. As actividades darán comezo o 15 de outubro e terán lugar no CPI Cernadas de Castro en horario de 13:30 a 15:30 horas.
Actividades deportivas
Así mesmo, o Concello de Lousame abre tamén o prazo de anotación nas actividades deportivas para adultos para o curso 2108/2019, e que se celebrarán no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra (A Silva). Ademais do ximnasio municipal (aberto de luns a xoves a partir das 19:00 horas), a oferta deste novo curso inclúe ximnasia de mantemento e ximnasia para a terceira idade.
As clases de ximnasia de mantemento comezarán o 15 de outubro e impartiranse en horario de luns e mércores, de 19:00 a 20:00 horas. Pola súa banda, as clases de ximnasia para maiores darán comezo o 16 de outubro e terán lugar os martes e xoves, de 19:00 a 20:00 horas.
Tanto no caso das escolas deportivas municipais como das actividades deportivas para adultos, as inscricións deberán formalizarse nas oficinas xerais do Concello de Lousame, presentando o formulario de inscrición xunto co recibo de pago. Máis información e inscricións na Oficina de Deportes do Concello de Lousame (981 82 57 80).