A conselleira do Mar, o alcalde de Noia e o delegado territorial da ONCE en Galicia presentaron esta mañá o cupón
A ONCE porá á venda este mércores 26 de setembro 5,5 millóns de cupóns en toda España que levarán a imaxe “Marexada en Testal”, do fotógrafo Pedro García Losada, e que reflicte o duro traballo das mariscadoras da ría de Muros-Noia durante as campañas de recollida de bivalvos. Un cupón que foi presentado esta mañá no Coliseo Noela nun acto presidido pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, quen estivo acompañada polo alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón; polo delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan; polo patrón maior de Noia, Santiago Cruz; pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo; e por concelleiros da corporación municipal.
O alcalde de Noia explicou que “é un motivo de satisfacción que a imaxe gañadora sexa dun fotógrafo da localidade, con influencias ourensás, pero moito máis que resulte premiada unha imaxe que capta a dureza dunha actividade coma o marisqueo, tan vencellado á muller e ao municipio e que supón un motor económica para Noia”. Así mesmo, Freire Abeijón recomendou que “os que non o mercaran xa, non se despisten pois sería unha triple alegría que tocara en Noia”.
O delegado territorial da ONCE en Galicia explicou que “o próximo mércores estes 5,5 millóns de cupóns levarán a imaxe da extracción do berberecho na ría de Noia e será unha forma de poñer en valor a Noia no panorama nacional”. Manuel Martínez Pan destacou que se o concurso fose a nivel nacional, “a imaxe de Pedro estaría seguro na terna de finalistas” por poñer en valor “o capital humano que temos na nosa costa, onde somos un referente no mundo en temas de marisqueo”.
Visibilizar o labor das mulleres
Pola súa banda, o autor puxo en valor o traballo das mariscadoras da ría de Noia: “es un tesoro cultural que se actualiza día a día”, “están sosteniendo este mundo con su esfuerzo y trabajo”. Pedro García Losada indicou que “mi trabajo no es mi trabajo. Es mi trabajo y el de ellas, es nuestro trabajo”.
Finalmente, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou o labor da ONCE a través do concurso público de fotografía Veo Evolución, xa que contribúe a aumentar os niveis de sensibilización social e a visibilizar o traballo das nosas mulleres do mar. Quintana explicou que con esta imaxe “a ONCE sitúa ás mariscadoras de Galicia como o que son, un dos símbolos máis senlleiros da nosa terra e do noso mar”. Ademais puxo en valor o labor artístico de Pedro García e felicitouno por retratar un dos bens máis prezados de Galicia.
En relación a Veo Evolución, celebrado con motivo do 80 aniversario da ONCE, a titular de Mar subliñou que “é algo máis que un concurso de fotografía, é un buscador de historias, de sentimentos e pensamentos nos que se reflicte a nosa idiosincracia”. Neste sentido, sinalou que con esta iniciativa a ONCE “plasma a evolución social da nosa comunidade co fin de compartilo con todos os que diariamente ou de forma esporádica compran o cupón”.
En canto á fotografía gañadora do concurso, a conselleira sinalou que “di todo sobre a forza das mulleres do mar de Galicia e que conta a historia en feminino de centos de persoas que faenan nas nosas rías”. Tamén representa, engadiu, o duro traballo que realizan as mulleres durante as duras campañas de recollida de bivalvos na ría de Muros e Noia.
Neste sentido, Rosa Quintana, lembrou o traballo da Administración galega iniciado hai máis de 25 anos para a profesionalización dun colectivo formado por máis de 2.800 mulleres e a súa inclusión na Seguridade Social, a cotización por unha pensión e o alcance do posto que lles correspondía na xestión do seu labor.
Veo Evolución Galicia
Con motivo do seu 80 aniversario, a ONCE celebrou o concurso público de fotografía Veo Evolución. O obxectivo é buscar as fotografías que mellor reflictan a evolución social, en calquera das súas facetas, en cada unha das 17 comunidades autónomas e as dúas cidades autónomas. As imaxes gañadoras aparecerán impresas nos cupóns da ONCE, asinadas co nome e apelidos do seu autor, ademais de ser presentadas publicamente.
En Galicia a foto vencedora foi Marejada en Testal, do arquitecto e fotógrafo Pedro García Losada, e ilustra o cupón de hoxe. Trátase da imaxe dunha mariscadora da ría de Muros e Noia, que representa, por unha parte, a forza do traballo feminino das mariscadoras e, por outra parte, o duro traballo que realizan durante as campañas de recollida de bivalvos.