O Concello de Moeche acaba de publicar na plataforma de Contratación do Estado a licitación das obras de mellora dos parques infantís do colexio e máis da área sociocultural de Trieiro, en Abade. O prezo de saída do contrato son 18.000 euros xustos -ive incluído- e as empresas teñen até o 5 de outubro para presentaren as súas ofertas. Os traballos consistirán, por unha banda, en instalar novos xogos no espazo anexo ao colexio público e, no caso de Abade, na colocación dun valo de protección ao carón das randeeiras situadas detrás do centro cultural Francisco Piñeiro. A licitación seguirá o procedemento administrativo habitual pero, por primeira vez, a rapazada tamén terá algo que dicir ao respecto nun asunto que lle afecta directamente. E é que serán os nenos e nenas do Grupo de Participación Infantil quen elixan o modelo que finalmente se instalará en San Ramón de entre as distintas propostas que presente a empresa adxudicataria.
O orzamento de subministración e instalación no que se basea o concurso ascende a 14.876,03 euros -18.000 co 21% de ive- e financiarase con cargo ao plan complementario do Plan Único de Concellos 2017. Toda a documentación referida á licitación está publicada na Plataforma de Contratación do Estado, onde se marca que o prazo de presentación de ofertas técnicas e económicas finaliza o 5 de outubro.
O obxecto do contrato é a mellora das instalacións de parques e espazos públicos abertos existentes no Concello de Moeche, destinados principalmente á infancia. “Desde o Concello detectouse a necesidade de completar algunha das zonas de xogo con novos elementos adaptados á súa idade, así como a instalación de valos de protección en outras áreas que carecen deles e que poden poñer en risco de accidente aos usuarios”, explica Beatriz Bascoy citando a introdución do proxecto técnico.
Neste sentido, a empresa que se faga co contrato deberá subministrar e instalar un xogo para nenos e nenas de 4 a 14 anos no Parque do entorno do CEIP San Ramón, completando así o espazo de lecer no que xa existen xogos adaptados a rapazada de menor idade. “Desta maneira completarase o equipamento para que poidan xogar nenas e nenos de todas as idades, e non só os máis pequeniños. Ademais, o acceso ao parque está aberto fóra do horario escolar, polo que as instalacións poden usarse os 365 días do ano”, comenta a rexedora.
Dentro das prescricións técnicas márcanse as liñas básicas da instalación, precisando que deberá estar composta por estruturas en forma de torres, redes, pasarelas e dotada dun tobogán. Como elementos construtivos establécense a madeira tratada en autoclave, taboleiros resistentes á intemperie, cordas e plásticos e ferraxes en aceiro, xunto coa colocación dun pavimento de baldosas elásticas que lle proporcionen ao conxunto unha maior protección fronte a posibles caídas. “Buscamos un mobiliario onde a cativería o pase ben, pero tamén que aguante o trote diario, o desgaste por mor da chuvia e do sol e, sobre todo, que sexa seguro. Por iso tamén se esixe que todo cumpra coa normativa UNE”.
Dentro dun mesmo prezo o máis seguro é que a empresa licitadora oferte distintas configuracións para o novo equipamento lúdico. E aí a decisión non será exclusiva da mesa de contratación municipal, senón que se lle dará voz á propia rapazada acudindo ao asesoramento do Grupo de Participación Infantil creado no seo do Consello Local da Infancia e a Adolescencia. “O parque é para que o usen os nenos e nenas, por iso queremos que sexan elas e eles quen nos digan cal lles convence máis de entre todas as posibilidades que nos oferte a empresa adxudicataria. Para nós como Concello é un fito, posto que será a primeira vez en que a rapazada tome parte nunha decisión de grande relevancia para o territorio e cun resultado que se poderá ver e tocar”, asegura Bascoy.
Protección en Trieiro
A outra obra incluída no mesmo paquete financiado con fondos provinciais ten que ver tamén cun espazo público usado principalmente pola rapazada. Executarase na área sociocultural de Trieiro, en Abade, e estará centrada na instalación dun valo perimetral no parque infantil situado ao pé da pista de tenis e do Centro Cultural Francisco Piñeiro.
A solución técnica reflectida no proxecto é poñer varios tramos en aceiro galvanizado e pintado en cores vivas que rodeen os bambáns existentes, coa finalidade principal de evitar caídas pola ribada que fai de linde cunha finca privada. “O desnivel non é moito e ademais está suavizado cunha pequena pendente. Pero iso non quita que debamos poñer os medios para que non esvare calquera persoa, sexa grande ou pequena”.
A actuación no parque infantil de Abade vén completar o proxecto desenvolvido o ano pasado, cando se acondicionou a área de aparcadoiro dotándoa de novo firme, prazas delimitadas e protectores de madeira tratada en paralelo á AC-862.