Monday 25 de November de 2024

A Fundación Mujeres organiza en San Sadurniño un obradoiro de risoterapia


As inscricións -gratuítas- hai que facelas chamando ao 981 490 027 ext.1

A sesión desenvolverase este xoves a partir das 10.30h. na Casa da Xuventude

A Fundación Mujeres colaborou nos últimos meses co Concello cun programa de apoio integral a coidadoras no medio rural impulsado pola Deputación da Coruña. O cometido desa iniciativa foi o de brindarlles ás mulleres que coidan de persoas cun certo grao de dependencia unha formación básica para que elas aprendan a coidar de si mesmas no plano físico e psicolóxico, co obxectivo de facerlles máis levadeira unha situación que pode derivar en enfermidades moi diversas se non se lle presta atención. A fundación trae agora a San Sadurniño un obradoiro complementario e moi relacionado co benestar que abordará os beneficios de exercitar a risa e o bo humor. Será este xoves 27 a partir das 10.30h. na Casa da Xuventude e hai que inscribirse antes chamando ao 981 490 027 ext. 1.

Segundo a Fundación Mujeres, as vantaxes da risa “son innumerables” e sábese que as persoas máis sás “son as que rin máis”. Tal e como se sinala no texto introdutorio á sesión do xoves, a risa axuda a liberar tensións, pero tamén “aumenta o noso sistema defensivo e inmunolóxico”. O sentido do humor “acumula beneficios” para a mente e o corpo que poden exercitarse a través da gargallada.

O obradoiro de risoterapia está organizado pola fundación con axuda das profesionais de Recordando Estimulación Cognitiva. Proporán exercicios que lles axudarán ás participantes a desinhibirse, a aumentar a empatía co grupo e, ao remate da mañá, “ter unha sensación plena de relaxación e felicidade”. Para iso organizaranse varios xogos, bailes e exercicios para promover a risa, nun ambiente de entretemento moi agradable.

Esta actividade é gratuíta, pero fai falla inscribirse antes chamando ao departamento de Servizos sociais: 981 490 027 ext.1. Durará arredor de dúas horas e nela poderá participar calquera persoa -non só mulleres- que queira probar os beneficios da risa.