Friday 22 de November de 2024

A Xunta inviste 345.000 euros na rehabilitación enerxética de doce Vivendas de Promoción Pública en Cerdido


As obras, que comezaron en agosto, consisten no illamento térmico exterior dos edificios para mellorar a súa eficiencia térmica e incrementar, deste xeito, o rendemento do consumo enerxético
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá as doce vivendas de promoción pública nas que está a investir preto de 345.725,77 euros en traballos de mellora mellora da eficiencia enerxética.

Seis das vivendas sobre as que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda vai actuar están emprazadas en Vila da Igrexa, por un importe de 130.972,15 euros. A outra actuación, licitada por 214.753,62 euros, beneficiará aos veciños doutras seis vivendas nas Felgosas, tamén no municipio de Cerdido.

Estas actuacións están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020. As obras comezaron no mes de agosto e contan cun prazo de execución de catro meses, polo que finalizarán previsiblemente en decembro.

As obras consisten no illamento térmico de ambos os edificios polo exterior para mellorar a súa eficiencia térmica e, polo tanto, incrementar o rendemento do consumo enerxético realizado nas vivendas. Para iso emprégase o sistema SATE, que permite realizar o illamento dun edificio pola parte exterior do mesmo, eliminando pontes térmicas, mellorando o illamento e a impermeabilidade da edificación sen reducir o espazo interior das vivendas nin modificar o aspecto exterior do inmoble.

A Xunta de Galicia ten en marcha un programa de mellora da eficiencia enerxética de vivendas de promoción pública, no marco do cal se están a realizar actuacións en varias localidades da provincia, como Santiago de Compostela ou Melide, e no resto de Galicia, como en Pontevedra, Vigo ou Becerreá. Ovidio Rodeiro sinalou que “estas actuacións teñen unha importante repercusión positiva na mellora da calidade de vida dos veciños e no aforro enerxético”. Enmárcanse na aposta que desde a Xunta se está a facer pola rehabilitación de vivendas.