Friday 22 de November de 2024

Gran éxito de participación na primeira edición da Feira Labrega de Brión


Centos de persoas pasaron durante a mañá pola feira, que aproveitou o tirón do Festival Monecadas e da novena de Santa Minia, onde mesmo xa hai varias polbeiras operativas

Gran acollida da veciñanza de Brión á primeira edición da Feira Labrega, que reúne hoxe unha vintena de postos de artesanía e alimentación ecolóxica na carballeira de Santa Minia. O tempo acompaña e a feira está tirando proveito tamén doutras actividades que coinciden hoxe no mesmo lugar: a novena de Santa Minia e a derradeira actuación do V Festival Monecadas.

A carballeira brionesa xa está totalmente engalanada coas tradicionais luces da Santa Minia e nela xa están instalados algúns postos, que permanecerán toda a semana no municipio. É o caso dos postos de rosquillas e velas a carón da capela, as camionetas de xeados ou das polbeiras, das que só resta unha por chegar. Isto, unido á celebración das misas da novena na honra á Santa, fixo que centos de devotos/as pasaran pola feira ao remataren os oficios relixiosos. O mesmo que fixeron moitas das familias que acudiron esta mañá aos obradoiros de monicreques e á actuación de Fantoches de Boj, coa súa divertida peza “Tío Miseria”. Ata entón, a zanfoña de Francisco encargouse da parte musical, cuns cantares de cego que sorprenderon e gustaron aos máis maiores da casa.

Produtos

A variedade de produtos ofertados nos 21 postos presentes é comparable á variedade na súa procedencia. E é que na carballeira brionesa podías mercar dende unha empanada de Noia, unha rosca de Ames, unhas froitas de Brión ou unhas ovellas tecidas en Lousame, ata unhas fabas de Lourenzá, un queixo artesán portugués ou artesanía doutro Brión, o de Ferrol. Canda eles, queixos de todos os estilos (tradicionais, con noces, de cabra con malta de cervexa…), pan artesá (con ou sen sementes aromáticas), especias, cafés, comidas caseiras envasadas en vidro ou enlatadas, cervexa artesá, zumes (de Andaina pro Saúde Mental), viveiro e numerosas pezas de artesanía (dende o popular Super Mario e o seu irmá Luigi, ata vacas e polbos habilitados como suxeita-móbiles, berces de madeira, xoiería personalizada ou xoguetes para os máis pequenos).

Os postos de produtos de alimentación foron os que, durante esta mañá, máis éxito tiveron en canto ás vendas, sobre todo a partir das 13:00 horas, despois da cata de produtos organizada a carón da Casa da Cultura. Unha cata na que os visitantes podían votar polo produto máis saboroso entre figos, peras, tomates, mazás, pexegos… na súa gran maioría con denominación de orixe Brión pero tamén de municipios próximos coma Rois ou Ames. De feito, a cata motivou que moitos dos presentes acudiran mercar eses produtos aos respectivos postos de veda.

“Daquí Darredor”

Todos e cada un dos postos foron visitados a primeira hora da mañá polo alcalde de Brión, José Luís García, acompañado por Carme Freire e Dora Vieiro, dúas das promotoras do proxecto “Daquí Darredor”. García aproveitou o periplo “para desexar a todos os artesáns unha boa xornada de vendas nun lugar inmellorable como é esta carballeira de Santa Minia e para convidarvos a participar neste proxecto colaborativo que estamos a poñer en marcha dende o Concello de Brión, coa colaboración da Deputación da Coruña e do GDR Terras de Compostela”.

Un proxecto que os produtores e artesáns dos municipios das comarcas de Santiago, Barcala e Barbanza xa coñecían e polo que amosaron moito interese en participar. Incluso un dos presentes, procedente da Mariña lucense, amosou o seu interese pola posibilidade de enlatar en Brión os seus pratos con fabas, lentellas e outras legumes. García lembrou que calquera persoa de Brión ou da contorna pode sumarse a esta iniciativa, que nestes momentos está a dar os seus primeiros pasos “porque así podedes dicirnos que elaboracións queredes facer neste espazo colaborativo e que maquinaria ides precisar para que, mentres duren as obras para acondicionar o espazo no centro comercial Monte Balado, poder ir comezando coa formación para os participantes”.

En Monte Baldado haberá dous espazos colaborativos: un para a transformación de produtos da horta e outro para matar, despezar e envasar para a venda carne de aves e de coellos. “Estamos falando de poñer en valor os nosos alimentos e darnos conta que podemos consumilos a diario ou mesmo vendelos. E sen que sexa un produto gourmet, senón dun produto de calidade e cun prezo xusto”, explica Carme Hermida.

Todas as persoas interesadas en participar en “Daquí darredor” só teñn que dirixirse ao 981 598 99 (Dora), a daquidarredor@gmai.com. Para a tarde están programados obradoiros infantís con follas de xirasois e a actuación do grupo de Pandereteiras de Brión, cunha foliada con músicos da contorna. A I Feira Labrega de Brión pechará as súas portas ás 19:00 horas.