Friday 22 de November de 2024

Preto de cen nenos e nenas, de entre 7 e 15 anos, participan no encontro das bandas de música infantís e xuvenís de Meaño e Lousame


Preto dun cento de nenos e nenas, de idades comprendidas entre os 7 e os 15 anos, participaron nun encontro entre as bandas infantil e xuvenil de Meaño e a banda da escola de música de Lousame. Unha xornada de convivencia que comezou a mediodía cun concerto das tres agrupacións na praza Teodomiro Hidalgo, onde reuniron a preto de cen veciños e veciñas de Lousame.

Ao concerto asistiron a concelleira de Ensino, Silvia Agrafojo, e o primeiro tenente de alcaldesa, Ramón Martínez, quen desculpou a ausencia de Teresa Villaverde e lembrou que “este é o terceiro concerto de bandas que desfrutamos neste mes de setembro e é un pracer para o Concello de Lousame apoiar a cultura. Por iso, queremos felicitar tanto aos directores de ambas bandas, como aos profesores das escolas, como aos propios concellos de Meaño e Lousame, polo labor que fan a prol da cultura e prol da ensinanza destes pequenos artistas, que de seguro terán un gran futuro”.

Pola súa banda, o director da banda lousamiá, Fernando Froxán Canle, explicou que estes músicos “veñen devolvernos unha visita que lles fixemos a Meaño no mes de abril. Hoxe pasarán o día con nós, nunhas xornadas de convivencia, e facéndonos desfrutar moitísimo coa súa música”.

Actuación

O sol foi o gran protagonista da xornada pois non só condicionou o emprazamento (a carón da única zona de sombra na praza), senón que mesmo fixo que moito do público asistente decidira seguir o concerto de pe ou repartido pola praza ben a carón das árbores ben baixo o pórtico de entrada da casa do concello, en vez de nas bancadas dispostas.

O concerto durou case unha hora. Comezaron os músicos/as da Banda Infantil de Meaño, que interpretaron as pezas “Alborada Galega” e “Mi primer pasodoble”, como ensaio do repertorio que interpretarán o próximo mes de novembro no certame galego de bandas de música. Tomaron o relevo os integrantes da Banda Xuvenil de Meaño, que interpretaron outras dúas pezas, entre elas unha aplaudida mestura de cancións latinas populares como “Tequila” ou “La Bamba”. Ambas formacións estiveron dirixidas por Diego Javier Lorente López.

Pecharon o concerto os nenos e nenas da Banda da Escola de Música de Lousame que, dirixidos por Fernando Froján Canle, comezaron estreando dúas pezas novas para rematar por todo o alto cunha selección de cancións infantís e un rock.