A proposta será levada ao pleno municipal do próximo martes 25 para a súa aprobación inicial como crédito extraordinario
O Concello de Noia investirá un total de 705.049,88 euros, procedentes do remanente de Tesourería, en acometer un completo plan de melloras en materia de saneamento, camiños e sendas, locais sociais, instalacións deportivas e parques infantís nas distintas parroquias. Un programa de investimentos que será aprobado na sesión plenaria deste martes 25 de setembro en forma de crédito extraordinario número 2/2018.
O alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, explica que “se trata dun completo plan de investimentos en distintos ámbitos e en todas as parroquias cos que pretendemos acometer actuacións moi demandadas pola veciñanza”. Neste sentido, o alcalde noiés salienta en especial as actuacións en saneamento. Así, o Concello de Noia ten previsto investir 96.795,38 euros en dotar do servizo de saneamento ás aldeas de Becollo (Argalo) e A Torriña (Barro), así como outros 38.435,10 euros para o subministro e colocación de bombas de saneamento.
O investimento máis importante, cuantitativamente falando, será en materia de melloras en estradas e camiños, onde o Concello de Noia ten consignados un total de 222.459,43 euros para a execución de sete proxectos. Así, na parroquia de Barro executarase un acceso a Eiroa paralelo á variante por 24.547,62 euros; construirase unha senda peonil entre punta Abruñeiras e Río do Porto; e acondicionarase un camiño en Rego do Porto.
No casco urbano, destinaranse 44.620 euros a un proxecto de humanización e ordenación da Praza das Américas; 25.834,47 euros para a mellora da pavimentación na rúa Outonil; e 13.039,75 euros para o acondicionamento peonil nas rúas República Arxentina e San Breixo. Finalmente, o Concello de Noia achegará outros 45.634,9 euros para acometer melloras no camiño e nas beirarrúas en Argote (Argalo).
Infancia e deporte
O alcalde de Noia sinala que “tivemos moi presentes as peticións dos nosos veciños e veciñas e por iso imos construír un novo parque infantil, nesta ocasión en Boa, e imos facer unha profunda mellora do parque infantil do paseo marítimo, que complementarán as actuacións de mantemento que facemos nestas áreas ao longo de todo o ano”. Así, o Concello investirá máis de 70.000 euros nesta materia: 39.535 euros na construción do parque infantil de Boa e 31.968,79 euros nas melloras no parque do paseo marítimo.
No capítulo de instalacións deportivas, o Concello de Noia investirá 165.365,57 euros en cinco proxectos na parroquia de Noia. Entre eles destaca unha pista de skate e zona de ocio en Labarta (48.182,2 euros), melloras no campo de fútbol de San Lázaro (47.366,12 euros), reforma do polideportivo Alonso Rodríguez (47.876,34 euros), dotación de almacén e vestiarios no polideportivo de Bergondo (11.054,91 euros) e instalación dunha pantalla no polideportivo (10.886 euros).
En materia de locais sociais, o Concello de Noia reserva unha partida de 46.725,55 euros para actuacións de mellora nos locais sociais de Boa, Ousoño, Barro e a Ponte de San Francisco. Unhas melloras que se suman ás xa realizadas noutros locais sociais como en Barro ou A Barquiña.
Finalmente, o Concello de Noia tamén destinará parte do seu remanente de tesourería a un muro de escollera en Roo para acondicionar unha zona de aparcamento (37.203,06 euros) e para obras de conservación da antiga fábrica da Chaínza (19.915,47 euros).