Friday 22 de November de 2024

A primeira edición da Feira Labrega de Brión reunirá unha vintena de postos de artesanía e alimentación ecolóxica na carballeira de Santa Minia este domingo 23 de setembro


A feira será inaugurada polo alcalde de Brión, José Luís García, ás 11:00 horas e permanecerá aberta ata as 19:00 horas

A primeira edición da Feira Labrega de Brión reunirá unha vintena de postos de artesanía e alimentación ecolóxica na carballeira de Santa Minia este domingo 23 de setembro, de 11:00 a 19:00 horas. Un evento organizado polo Concello de Brión e que servirá para presentar ás persoas que se acheguen a iniciativa “Daquí Darredor”, uns espazos colaborativos promovidos polo Concello de Brión, a Deputación da Coruña e o GDR Terras de Compostela para apoiar ao sector agrogandeiro da contorna.

A Feira Labrega será inaugurada ás 11:00 horas polo alcalde de Brión, José Luís García. Unha feira que incluirá unha vintena de postos de artesanía, produtos ecolóxicos, artigos de segunda man e viveiros, que estarán amenizados musicalmente por un cantar de cegos. Durante a mañá e a tarde haberá distintos obradoiros para os nenos e nenas, que tamén poderán desfrutar da derradeira xornada do V Festival Monecadas ás 13:00 horas. Nesta ocasión, Fantoches Baj porá en escena a obra “Tío Miseria”.

Paralelamente, ás 13:00 horas terá lugar unha cata de produtos da horta, na que participarán os distintos postos presentes e na que as persoas asistentes votarán polos mellores produtos, que levarán como agasallo unhas cestas de alimentos. Ás 14:00 horas terá lugar o xantar, onde o Concello de Brión habilitará unhas cadeiras e mesas para que os asistentes poidan desfrutar dos alimentos que traian da casa ou dos que merquen na propia feira. Outra posibilidade para os asistentes é achegarse a algunha das cinco polbeiras que xa están instaladas a carón da Carballeira e que este ano adiantaron a súa chegada para a tradicional Romaría de Santa Minia. Pola tarde continuarán os obradoiros infantís, que ás 18:00 horas darán paso a unha actuación do grupo de Pandereteiras de Brión e unha foliada con músicos da contorna.

Daquí Darredor

O alcalde de Brión, José Luís García, explica que “a Feira Labrega servirá tamén para presentar á veciñanza a iniciativa Daquí Darredor, uns espazos colaborativos de transformación de alimentos da horta e de carne de aves e coellos que promovemos dende o Concello, canda a Deputación da Coruña e o GDR Terras de Compostela. O proxecto está aberto á participación de calquera persoa de Brión e concellos da contorna que queiran elaborar os seus produtos tanto para a casa como a venda”. Un proxecto que nos próximos meses afrontará momentos clave, pois está previsto que se comece coa formación dos participantes durante o próximo mes de outubro.

“Agora que está de moda o consumo de alimentos ecolóxicos e sans, queremos darlle unha oportunidade á nosa veciñanza para que poidan transformar os seus produtos e poñelo a disposición dos consumidores”, explica José Luís García, quen anima a achegarse este domingo pola I Feira Labrega tanto a veciños/as de Brión como de municipios próximos.