Friday 22 de November de 2024

60 vehículos reuniranse este sábado na concentración de clásicos de Naraío


Mercedes, Porsche, Ford, Seat, Citroën, Renault e outras marcas automobilísticas de hoxe e de sempre protagonizan este sábado a oitava edición da concentración de vehículos clásicos e históricos que terá lugar na Fontela, en Naraío, durante toda a xornada do sábado. Desde pola mañá poderemos ver alí coches e motos perfectamente conservados -ou restaurados ata o máis mínimo detalle- a pesar de que nalgún caso anden xa cerca dos 80 anos, aínda que a maior parte dos 60 participantes confirmados sexan utilitarios evocadores da nostalxia dos anos 60 e 70. A cita, organizada polo Autoclub Clásicos Narón, homenaxea ao desaparecido Juan Soto, grande amante da mecánica antiga e un dos impulsores orixinarios do evento.

Soto, coñecido como “Juancito da Fontela” -aínda que era natural de Ferreira-, faleceu en 2016 aos 71 anos de idade. Como mecánico da vella escola, o del sempre foi o mundo do motor e tiña verdadeira paixón polos coches antigos, algo que lles transmitiu tamén aos seus fillos. De feito, un deles conseguiu nas Baleares os restos dun Renault 4CV -o famoso 4/4- que, con tempo, dedicación e esmero nos detalles, volveu revivir e hoxe é peza habitual en todas as concentracións de clásicos e históricos da volta. Ademais, Soto sempre tiña tempo para asesorar ou botarlle un cabo a calquera que quixese facer unha restauración, especialmente a de vehículos -incluídas motos- dos 60 e 70, dos que era un profundo coñecedor.

Canda José Ángel Hermida e outros apaixoados locais, iniciou hai case vinte anos as concentracións de clásicos en Naraío que nas súas primeiras edicións se facían coincidir coa festa de Santa Mariña, aínda que despois, ao deixar de celebrarse a patroa, cobrarían independencia sen unha periodicidade establecida en colaboración co Autoclub Clásicos Narón. A última destas citas tivo lugar na Fontela en 2015, reunindo unha boa presada de coches e motos antigas desde principios do século pasado -o modelo máis antigo era un Ford T- ata practicamente finais dos 80, xusto no límite dos 25 anos de idade que, como mínimo, debe ter calquera clásico.

Este sábado 22 repetirase a escena no mesmo lugar cun programa que comeza ás 10.30h. cunha xuntanza de todos os vehículos participantes. Segundo Roberto Soto -fillo do homenaxeado- a día de hoxe confirmaron asistencia “cerca de 60 vehículos” entre os que haberá moito para admirar e recordar, xa que os máis veteráns “son modelos e mediados dos anos 40”, aínda que o maior espazo ocuparano os coches que lle evocan certa nostalxia a quen xa pasa da corentena: 600, “centovintacatros”, 1.500, “dous cabalos”, “catroeles”, vespas, “tricampeonas” e outros clásicos populares que compartirán sitio con pezas máis exclusivas da Mercedes ou da Porsche e, se cadra, incluso con maquinaria agrícola e obxectos de colección.

Trala concentración de primeira hora, o grupo automobilístico sairá en ruta ás 12.00h. con destino ao castelo de Moeche. Alí visitarase a fortaleza e, á saída, serviranse uns petiscos antes de reemprender a volta a Naraío. De feito, quen non queira ou poida ir á concentración na Fontela poderá ver a caravana percorrendo a zona. De camiño a Moeche baixarán primeiro pola antiga estrada das Pontes até o cruzamento de Vistalegre e logo collerán a estrada de Ortigueira pasando por San Sadurniño ata chegar a Riboira -Lamas-, onde se desviarán pola pista provincial cara ao castelo. Se a cousa vai ben de tempo, o regreso farase subindo ata Balocos e collendo de novo a AC-862 ata Vistalegre.

A idea é estar de volta na Fontela antes das dúas da tarde, xa que ás 14.30h. haberá sesión vermú coa solista Cris López e a iso das 15.00h. servirase un xantar a base de empanada, paella, xamón cocido, cachelos, sobremesa, viño e café por un prezo de 22€ por persoa. É necesario reservar chamando aos teléfonos 627 468 411 ou 664 215 573. Ofrecen máis información sobre o evento tanto neses números como no correo clubclasicosnaron@hotmail.com.