O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe o proxecto de aglomerado dunha rúa na paraxe da Paxariña, en Camariñas
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou o Concello de Camariñas para comprobar a actuación levadas a cabo pola Consellería do Medio Rural dentro do Plan Marco de mellora de camiños municipais e acceso a explotacións agrarias.
Este Plan supuxo un investimento en Camariñas de 41.401 euros para o arranxo dunha rúa que dá acceso a un grupo de vivendas na paraxe das Paxariñas, na parroquia de Xaviña. Este camiño, de preto de 700 metros de lonxitude, atopábase moi deteriorado con abundante maleza nas beiras e mesmo no centro, así como numerosas fochancas e irregularidades.
As obras consistiron, en primeiro lugar, na limpeza e escavación das cunetas da pista. A continuación abriuse a caixa da rúa para a preparación do firme a base de zahorra, macadam e posterior pavimentación cunha capa de aglomerado asfáltico de sete centímetros de espesor.
O Plan Marco significou para os municipios de Bergantiños e Costa da Morte un investimento en 2018 de 855.143 euros para a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños de titularidade municipal que faciliten o acceso, cando menos, a unha parcela integrante dunha explotación agraria. No total provincial o investimento na Coruña foi de 4,6 millóns.
Ovidio Rodeiro sinalou que o obxectivo deste plan “é mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais, que pasa por mellorar as dotacións existentes en infraestruturas básicas, ao tempo que desenrolamos actuacións dirixidas á mellora dos servizos básicos para a poboación rural”.
O delegado territorial tamén quixo destacar que os criterios para o reparto foron acordados entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) da Consellería do Medio Rural e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).