Friday 22 de November de 2024

O alcalde participa en Ávila na conmemoración do 25 aniversario do Grupo de Cidades Patrimonio


 

O alcalde participou onte e hoxe en Ávila na celebración do 25 aniversario do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade. Este mediodía, Martiño Noriega asistiu ao acto central de conmemoración, presidido polo Rei Felipe VI.

O Rei Felipe VI presidiu o acto de conmemoración do 25 aniversario do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade, celebrado no Palacio de Superunda de Ávila e que contou coa participación dos alcaldes e alcaldesas das 15 cidades, de ex alcaldes e de representantes de organismos e entidades colaboradoras da rede. Durante a súa intervención, o monarca felicitou ás urbes que integran oGrupo e destacou o papel que xogan e o labor que desempeñan para “conservar, xestionar e promocionar de maneira sostible a conservación do rico patrimonio que atesouran”. No acto tamén interveu o alcalde de Cuenca, Ángel Mariscal, como presidente do Grupo de Cidades Patrimonio, que salientou “o frutífero camiño destes 25 anos, e as boas perspectivas de futuro do grupo”.

Recoñecemento ás primeiras cidades do Grupo
Santiago foi unha das seis primeiras cidades que decidiron unir as súas forzas no Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade, xunto con Ávila, Cáceres, Salamanca, Segovia e Toledo. Posteriormente, fóronse incorporando as urbes de Córdoba, Cuenca, Alcalá de Henares, Ibiza, San Cristóbal de La Laguna, Mérida, Tarragona, Baeza e Úbeda.

No marco da celebración deste 25 aniversario, na noite de onte tivo lugar outro acto no que foi recoñecido o labor dos primeiros alcaldes e alcaldesas que decidiron poñer en marcha o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade. No caso de Santiago, o ex alcalde Xerardo Estévez recibiu unha placa conmemorativa de mans do actual rexedor, Martiño Noriega, e da alcaldesa de Córdoba, Isabel Ambrosio.