Participarán as compañías Títeres Cachirulo, Viravolta Títeres e Fantoches Baj. A entrada é libre e de balde
O Festival Monecadas cumpre un lustro. Unha iniciativa posta en marcha por Titeriteiros da Comarca e o Concello de Brión que este ano traerá á carballeira de Santa Minia ás compañías Títeres Cachirulo, Viravolta Títeres e Fantoches Baj, que presentarán tres funcións e un obradoiro de monicreques dirixidos aos máis pequenos da casa os días 21, 22 e 23 de setembro. En todos os casos, a entrada será libre e de balde.
A programación iniciarase o venres 21 de setembro, ás 18:00 horas, cun obradoiro de monifates a cargo de Títeres Cachirulo para de seguido, a iso das 19:30 horas, coñecer a historia de “O galo Quirico e os seus amigos”, narrada polos monicreques de Viravolta Títeres.
Para o sábado 22 de setembro, Títeres Cachirulo ten programado “A cabeza do dragón”, unha divertida función que comezará ás 13:00 horas. O domingo 23 de setembro, á mesma hora, pecharán o festival os monicreques de Fantoches Baj, que representarán a obra “Tío Miseria” no marco das actividades da I Feira Labrega.