Friday 22 de November de 2024

O Concello de Noia recolleu máis de 4.000 litros de aceite de cociña usado este ano, que tería contaminado 4,6 millóns de litros de auga


Os colectores da Praza das Américas e na rúa Outonil son os que máis litros recolleron, con 460 e 450 litros respectivamente

Os veciños e veciñas de Noia reciclaron un total de 4.262 litros de aceite de cociña usado nos oito primeiros meses de 2018, recollido a través dos 21 contedores dispostos polo Concello de Noia. A concelleira de Medio Ambiente, Ángela Neri Arufe, agradece “a gran colaboración da veciñanza coa reciclaxe deste tipo de residuos pois, ademais de evitar contaminar 4.688.200 de litros de auga, tamén se evita tanto obstrucións nas canalizacións do saneamento municipal como avarías nas depuradoras”.

Glosando os datos por parroquias, a de Noia ten recollido máis do 60% do total, non en van o casco urbano é onde se concentra un maior número de contedores (9 de 21). De feito, os tres contedores que máis aceite recollen están emprazados na zona urbana: na Praza das Américas (460 litros), na rúa Outonil (450 litros) e na rúa Pintor Xenaro Carrero (420 litros).

A segunda parroquia con máis litros recollido é a de Barro, con 880 litros reciclados a través dos seus catro contedores en Ousoño, Orro e A Barquiña. Completan o listado Argalo (302 litros en tres contedores), Boa (300 litros en dous contedores), Obre (105 litros) e Roo (80 litros). Por meses, os de abril e xuño foron os de maior recollida, con 920 e 815 litros, respectivamente.

“O aceite usado de cociña é un dos residuos ao que ás veces non se lle presta atención pero que, na práctica, é o máis contaminante de todos os que xeramos nos nosos fogares”, explica Ángela Neri, quen lembra que “desfacerse do aceite de cociña a través do desaugue da cociña ou do baño pode producir un triplo dano: obstruír as cañerías da propia vivenda, causar avarías nas depuradoras e contaminar o noso medio ambiente”.