Friday 22 de November de 2024

Contacontos para crianzas de 0 a 3 anos: “Paxariños”


A Biblioteca Municipal acollerá este sábado entre as 12 e as 13.00h. unha actividade moi recomendable para meniños e meniñas de 0 a 3 anos na compaña dos seus papás e mamás. Trátase da sesión de contacontos “Paxariños”,que xunta fantasía e música nunha proposta para descubrirlles aos bebés o mundo que os rodea tomando como escusa o nacemento dun paxariño.

A actriz Vanessa Rivas preparará o xardín para recibir o poliño da mellor maneira posible, seguindo para iso o guión do conto “Turelí Tureló” coa banda sonora composta polo coruñés Tito Barbeito. Ademais, na sesión tamén entran “O Grande libro do polo Pepe” e “Sal do cascarolo, poliño!”, que seguen copando os éxitos de vendas da literatura para os máis pequenos da casa.

A obra forma parte das campañas de animación á lectura da Biblioteca Municipal e conta con colaboración da Consellería de Cultura a través do programa Ler conta moito.