Máis dun cento de músicos da Banda de Música de Lousame e da Banda Xuvenil de Meaño participarán este sábado 22 de setembro nun intercambio cultural que se materializará nun concerto ás 12:30 horas na praza Teodormiro Hidalgo de Lousame. Un concerto de entrada libre e de balde que, no caso de choiva, trasladarase ao polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra.
O concerto foi presentado esta mañá pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde; quen estivo acompañada por Fernando Froján Canle, director da Banda de Música de Lousame; e Juan Portela Varela, director da Escola de Música de Meaño. Villaverde Pais explicou que este intercambio cultural “demostra o esforzo e o interese que dous concellos pequenos facemos pola cultura e a formación musical dos máis pequenos. Un esforzo que en ocasións non é valorado”.
Juan Portela salientou que “estivemos encantados de recibir en abril á Banda de Lousame, pois foi unha convivencia moi bonita” e indicou que este tipo de iniciativas buscan “que os rapaces e rapazas se coñezan, fagan música xuntos e saian un pouco do normal, para ir medrando como persoas e como músicos”. Así mesmo, adiantou que a Banda Xuvenil de Meaño aproveitará este concerto para ensaiar o repertorio co que concorrerán ao certame galego de bandas, interpretando dúas pezas: “Alborada Galega” e “Mi primer pasodoble”.
Finalmente, Fernando Froján salientou que “é un privilexio e un luxo ter aquí á Banda Xuvenil de Meaño e ver a calidade tanto da banda como da súa escola, que é un referente no que temos que mirarnos moitos”. Sobre o repertorio que interpretará a banda lousamiá, Froján Canle adiantou que “estará adaptado para que desfrute o público”.