Saturday 16 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño trasládalle á conselleira de Medio Rural varias peticións para o territorio


Ángeles Vázquez visitou esta mañá varios proxectos acollidos ás axudas do Leader

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, achegouse ao longo desta mañá aos municipios de Cariño, San Sadurniño e Mugardos para visitar proxectos que recibiron financiamento do plan LEADER xestionado polo GDR Seitura 22. Un deles foi o de acondicionamento dos xardíns do antigo Pazo da Marquesa executado o ano pasado, onde se investiron 57.600 euros procedentes nun 44,3% -25.500€- das arcas municipais mentres que a contía restante se financiou con fondos europeos FEADER -41,7%-, da AGADER -12,5%- e do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural. A responsable autonómica de Medio Rural cualificou como “unha boa elección” que San Sadurniño destinase estas partidas á posta en valor dos xardíns. Porén, ademais de ver como quedou o entorno, Vázquez tamén intercambiou impresións con Secundino García sobre outros asuntos, como por exemplo medidas que axuden a paliar a perdas provocadas polo porco bravo, a necesidade de manter programas de emprego coma o APROL Rural ou o recordatorio dun encontro solicitado en febreiro por San Sadurniño e Moeche co obxectivo de que a Xunta se implique na posta en marcha dun pequeno centro de transformación alimentaria xestionado por ambos municipios.

A conselleira do Medio Rural foi recibida preto das 12 do mediodía por representantes do equipo de goberno e tamén polos voceiros da oposición, Manuel Romero e Yolanda Vázquez. Tras fafacer as presentacións de rigor e xusto antes de baixar aos xardíns, Secundino García entregoulle un cartafol con varios documentos referidos a cuestións municipais que en certa medida atinguen a competencias autonómicas.

Foi o caso dun pequeno balance do encontro mantido a finais de agosto con outros concellos e representantes de entidades gandeiras no que se reclaman medidas para atallar a proliferación do xabaril que, segundo o alcalde, está levando ás explotacións á “desesperación” por mor das perdas económicas que produce. Neste sentido, Ángeles Vázquez explicou que a Xunta “está traballando” nun plan de contención que contempla en paralelo axudas económicas, aínda que sen adiantar prazos para a súa posta en marcha. A conselleira mostrouse partidaria, ademais, de un posicionamento “máis agresivo” con respecto ao porco bravo no que se avalíe “ata onde debe chegar a parte da erradicación”.

Alén de tratar o impacto do xabaril, o Concello tamén lle entregou en man á conselleira a solicitude cursada en febreiro deste ano por San Sadurniño e Moeche pedindo unha xuntanza para falar da creación dun centro de transformación alimentaria para o que incluso existe xa unha memoria valorada. Funcionaría como espazo de titulariedade pública onde a pequena produción de mel, horta e froita tería á súa disposición equipamento destinado ao envasado de conservas e outro tipo de elaboracións. O investimento previsto para o acondicionamento dun espazo no recinto feiral de San Ramón e a maquinaria que sería necesaria roldaría os 90.000 euros.

En relación co desenvolvemento rural, Secundino García aproveitou a visita de Ángeles Vázquez para volver reclamar un maior finanzamento municipal de cara a soster servizos básicos, ao tempo que destacou a importancia de manter programas como o APROL Rural, dirixido exclusivamente á contratación de persoal por parte dos concellos para a realización de desbroces e outros traballos forestais. “Expuxémoslle demandas que en moitos casos son comúns aos concellos rurais” -dixo García Casal- e, neste sentido, citou a necesidade de renovar un dos tractores municipais ou o xeito en que se vai aplicar o convenio para a limpeza de faixas secundarias de biomasa, que San Sadurniño tamén asinará malia o desacordo do equipo de goberno co seu plantexamento.

Na visita polos xardíns municipais, a conselleira describiu a actuación encadrada nas axudas tramitadas polo GDR Seitura 22 como “unha boa elección” do Concello para o destino dos fondos que resultou nun lugar “espléndido e multifuncional” como punto para o lecer e para a celebración de mercados. A rehabilitación do espazo contou cun orzamento de 57.605 euros. A Administración local aumiu o 44,37% -25.559 euros-, mentres que os 32.045 euros de axuda proviñeron de Europa -24.034 euros do FEADER-, da AGADER -7.210 euros- e do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural, cunha achega de 800 euros.